O recital terá lugar o xoves 11 de decembro, ás 20.30 h, no Teatro Afundación en Vigo. Nel, a agrupación sinfónica interpretará Così fan tutte, K 588: Apertura, Concerto para piano núm. 22 en mi bemol maior, K 482 e Sinfonía núm. 41 en do maior, K 551 «Xúpiter» de Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791).
Todos aquelas persoas que desexen adquirir a súa entrada pódeno facer mediante as canles habituais de comercialización de espectáculos da entidade, a web de Servinova, www.servinova.com, e a billeteira telefónica 902 504 500, de 8.00 a 22.00 h. O presente concerto inclúese dentro da tempada de abonos de música clásica de Afundación, que supón un aforro dun 20 % a respecto da entrada solta. A institución galega ten en marcha, así mesmo, unha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que ofrece unha rebaixa adicional dun 10 %. Ademais, a entidade continúa coa iniciativa mediante a cal todas aquelas persoas menores de 35 anos poderán adquirir a súa entrada media hora antes do concerto no despacho de billetes a un prezo de 5 euros.
Dima Slobodeniouk é, desde 2013, director titular da Orquesta Sinfónica de Galicia. Sitúase entre o máis destacado da nova xeración de directores musicais grazas á combinación das súas raíces rusas cos seus anos de estudos musicais en Finlandia. De 2005 a 2008 foi director titular da Sinfónica de Oulu na cal levou a batuta en concertos e óperas. Nas últimas tempadas, debutou e forxou novas colaboracións con diversas compañías europeas e americanas acadando un notable éxito. Ademais, Slobodeniouk é moi estimado polos compositores. A súa calidade artística apréciase a través do seu completo repertorio que abrangue desde autores coma Rautavaara e Widmann ata Brahms ou Wagner.
Mentres estudaba piano no Conservatorio de Moscova, Elizabeth Leonskaja gañou premios en concursos internacionais de Bucarest, París e Bruxelas. A raíz de participar en concertos co pianista Sviatoslav Richter e de aparecer no Festival de Salzburgo en 1979, foi visitando as mellores salas de concertos do mundo, dando recitais coas grandes orquestras de América e Europa. Actualmente é unha asidua nos festivais de verán máis célebres como solista, aínda que tamén interpreta música de cámara. Conta no seu haber cun amplo número de gravacións, moitas delas premiadas, e con diversos premios entre os que destaca a Cruz de Honra das Ciencias e as Artes que lle outorgou o Goberno austríaco en 2006.
A Orquestra Sinfónica de Galicia
Creada en 1992 polo Concello da Coruña e con sede no seu Palacio da Ópera, a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España. A OSG, cuxo director titular desde a tempada 2013-2014 é Dima Slobodeniouk e Víctor Pablo Pérez o seu director honorario, foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación no 1998. Ademais, realizou varias xiras por Alemaña e Austria e ofreceu concertos nas mellores salas e ciclos de concertos españois. No 2007 realizou a súa primeira xira por América do Sur, con concertos en Chile, Arxentina, Brasil, Uruguai e Montevideo e cara aos últimos meses do 2009 presentouse na histórica sala do Musikverein de Viena.
Na súa discografía, para selos como EMI, DECCA, Koch, Naïve, BMG e Arts, figuran nomes como Juan Diego Flórez, Kaori Muraji, Peter Maag, Antonio Meneses, María Bayo, Plácido Domingo, Juan Pons, Ewa Podles ou Manuel Barrueco —con quen foi nomeada ao Grammy 2007 polo mellor álbum clásico do ano—.
A OSG foi premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes e foi Premio Cultura Galega da Música no ano 2010. A OSG está financiada polo Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.