Os representantes dos traballadores explicaron que hai 10 días foron convocados pola empresa para facilitarlles a información económica que levaban tempo reclamando e que se viu obrigada a entregar a requerimento da Inspección de Traballo. «Nesa xuntanza, na que participou o propio conselleiro delegado da compañía, a dirección recoñeceu que Povisa tivo 11 millóns de euros de beneficio e que o Sergas aínda lle adebeda 19 millóns polo incremento da actividade entre os anos 2005 e 2008», apuntan.
«Falaron tamén do concerto do Sergas, que agora parece ser que non é tan bo como venderon, xa que din que perderon 4000 usuarios», indican. De feito, explican que o conselleiro delegado chegou a comparar a empresa co Titanic, para asegurar que os que «menos perigo corren» son os membros da dirección, a continuación os traballadores que poden recolocarse no Chuvi, depois os integrantes do comité e por último estarían o resto de empregados.
Asegurou tamén que o convenio colectivo «é unha lousa» e insistíu en que o concerto «non é tan bo», todo iso antes de anunciar que en breve nos convocará o comité para detalle unha serie de medidas que vai adoptar a empresa, como son a amortización de postos de traballo «baleiros de contido»; a modificación de quendas, horarios e funcións; a externalización de servizos; e a negociación dun novo convenio.
Dende o comité lembran que o concerto do Sergas está vinculado ao mantemento do emprego e sosteñen que Povisa ten carga de traballo para 10 anos. «Diante disto, enviaremos cartas a Feijóo, á conselleira de Sanidade e ao xerente do Sergas para que investiguen a onde van parar os cartos públicos que recibe o centro médico».
Finalmente, criticaron que dos 1390 traballadores que compoñen o cadro de persoal, arredor de 500 teñen reducida a súa xornada laboral.