En efecto, ademais de tres puntos, hai outras cousas en xogo. Cando se achega o clásico galego mesmo os profanos en materia futboleira toman partido, porque o derbi transcende o futbolístico. Son excepción aqueles que se desentenden, sequera de xeito íntimo. Estes días Galicia queda dividida entre celeste e branquiazul. Mesmo poderiamos falar de chauvinismo.
Non é o caso analizar aquí o apartado puramente deportivo do clásico galego. Sobran medios e xente con moito máis talento para facelo. Si poderiamos dicir que o noso Celta recuperou as boas sensacións xusto a tempo, e que o Deportivo non é nin moito menos o equipo feble de principio de tempada. Tamén poderiamos dicir que pouco disto importará cando o balón empece a rodar. O que si estará na nosa man é empurrar aos nosos con brío, dende o punto de Galicia en que nos atopemos. E tamén dende Riazor.
Porque, como en todo derbi que se prece, o Celta estará ben arroupado pola súa afección. Irmandiños, xunto a moitas das peñas máis representativas do Celta e centos de siareiros, cruzaremos a AP-9 para ocupar o noso recuncho habitual en Riazor, e para que os nosos cánticos atronen en terra hostil. Agardemos que sexa unha xornada de fútbol a flor de pel, de porfía pola honra, a vitoria e o trono de Galicia, de orgullo para o vencedor e tamén de escarnio para o vencido. Agardemos tamén que non se repitan os censurables feitos do pasado recente e os nosos anfitrións saiban discernir entre rivalidade e violencia. E agardemos, por último, vencer.
Non podemos adiviñar como se desenvolverá o derbi, pero si podemos asegurar que os celtistas que non poidan estar en Coruña se sentirán orgullosos daqueles que teremos o privilexio de representalos. Non negociamos o esforzo nin o tesón, o berro inesgotable, os pelos de punta ó dalo todo polo escudo que nos une, mesmo na porta do inferno se fose mester. Haberá tensión, nervios, sufrirase. Pero loitaremos. Eles no campo. Nós na bancada. A Coruña saberá, en canto escoite as nosas voces, que os celtistas chegaron. Como di Karpinha no derradeiro dos seus grandes vídeos, é tempo de afouteza. Afouteza en tempos de derbi.
A POR ELES.
Onte, hoxe e sempre Celta!»
PEÑA IRMANDIÑOS 1923
Outros artigos das peñas do Celta:
«Carta abierta a Carlos Mouriño» Peña Afouteza
«Onde poremos a nosa bandeira?» Alejandro Costas, Peña Centolos Celestes
«Unidos somos más fuertes» Peña Comando Celta
«La importancia de una grada de animación» Peña Preferencia Celeste