Segundo informou a CIG, o comité de empresa do centro médico, a excepción de CCOO, amósase partidario de convocar folga e mobilizacións para rexeitar os 13 novos despedimentos comunicados hoxe pola dirección, posibilidade que será debatida en asemblea este luns. Nada máis coñecer a decisión, a representación dos traballadores celebraron unha asemblea urxente ás portas do centro médico e cortaron ao tráfico a rúa Salamanca.
A presidenta do comité, María Xesús Neira, don a CIG, asegurou con respecto á decisión que vén de comunicar a empresa que «era algo que xa agardabamos, como así o fixemos saber despois de que a dirección retirase o ERE extintivo para 56 traballadores».
«Non pode ser que agora permitan o despido de 10 celadores e tres traballadores de arquivo e a modificación das condicións laborais de outros 23 empregados, incumprindo a Lei da Sanidade Pública e o concerto co Sergas, que establece que Povisa debe ter os mesmos estándares de calidade e iguais ratios de persoal, en definitiva, que os pacientes e usuarios deben de ter as mesmas condicións e atención que no Sergas, algo que non se dá porque están a reducir o persoal de xeito considerábel», comentou.
Neste senso, advertiu que os traballadores de Povisa desenvolven o seu labor cunha precariedade cada vez maior. Así, lembrou que hai determinadas horas nas que practicamente se reduce á metade o número de técnicos en coidados auxiliares de enfermería (Tecae) e celadores e criticou que tras os despidos quedarán só 24 celadores para atender todo o centro médico. «No hospital Xeral, con case o mesmo número de camas, na quenda de noite traballan 16 celadores, mentres que tras os despidos en Povisa haberá só tres».
Asemblea o luns
Neira lembrou que existe unha sentenza do TSXG que lle dá a razón ao cadro de persoal no referente ás quendas de Tecae e celadores/as «que non se está a cumprir» e censurou que «ninguén lle obriga á empresa a facelo, cando coa sentenza tería que aumentar o persoal; ao contrario, o que fai é despedir cada vez máis xente». Diante disto, cualificou a dirección de Povisa de «prepotente» e denunciou que «non lle importan o máis mínimo nin os pacientes nin os traballadores».