Durante a marcha os manifestantes berraron consignas en contra da dirección do centro, así como contra a Xunta e o Sergas por non solucionar os problemas. A manifestación rematou coa lectura dun manifiesto no que os traballadores lembraron que levan anos sufrindo problemas laborais.
A CIG-Saúde de Vigo denunciou tamén publicamente as «presións psicolóxicas próximas á tortura» que Povisa está a facer sobre as traballadores en folga de de fame para intentar que abandonen a protesta coa que reclaman a readmisión de 13 compañeiros. Segundo afirma a central nacionalista, a dirección do centro «impediu que o servizo médico da empresa lles realizase a analítica de control e deu orde para que se acendese a luz cada media hora e se pasase unha pulidora no lugar onde durmen para evitar o seu descanso».
Dende a central nacionalista criticaron con dureza a actitude da dirección de Povisa cando se cumpre o cuarto día de folga, o que na súa opinión «amosa a verdadeira cara dos responsábeis da empresa», e cualificaron de «presións psicolóxicas próximas á tortura» o feito de que intentasen por todos os medios evitar que descansasen durante a noite.
«Con este obxectivo, un garda de seguridade acendeu cada media hora as luces da zona onde pernoctan, ao tempo que o persoal de limpeza dedicouse a pasar unha pulidora polo chan a partir das 23.00 horas. Logo enterámonos de que esta labor faise cada cinco meses, e agora aínda non tocaba», indican.