O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns que Ventura Pérez Mariño será o encargado do pregón da Festa da Reconquista de 2015. En verbas de Abel Caballero, «o pregoeiro da Festa da Reconquista deste ano será Ventura Pérez Mariño, quen foi alcalde de Vigo, maxistrado na Audiencia Nacional, xuiz en Vigo; un home do mundo das ideas, do mundo da cultura, persoa que sempre estivo na súa cidade, en Vigo, traballando por Vigo, facendo un Vigo con máis capacidade de dar felicidade á xente, de facer unha mellor cidade. Por iso este ano tomei a decisión de que fora o pregoeiro da Festa da Reconquista».