“Queremos denunciar a situación pola que está pasando o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, xa que os recortes do Partido Popular e do Partido Socialista o están levando a unha situación de precariedade”, denunciou o candidato nacionalista tras un reparto informativo diante do museo no que explicou que debido a estes recortes, o Marco “actualmente non representa o emblema que debería ser entre os museos da cidade”.
Serafín Otero criticou que o museo sufra recortes por parte da Xunta e da Deputación desde hai anos, “pero ultimamente existen recortes tamén por parte do Concello”, engadiu. Segundo considerou, estes recortes provocan a baixada no número de visitantes, algo ao seu xuízo “catastrófico para a nosa cidade”.
Ampliación dos horarios
Segundo destacou, un dos obxectivos prioritarios para o BNG no eido cultural é “poñer en valor os museos”, para o cal é indispensable reactivar a Rede Museística municipal como ferramenta “para avanzar na estruturación e coordinación dos museos vigueses”, explicou, citando Castrelos, a Pinacoteca, a Casa das Artes, o Verbum, o Centro Galego de Fotografía e a Casa Galega da Cultura, e os xacementos do Castro e Toralla.
Segundo asegurou, “cómpre facer as achegas necesarias para que esta rede funcione e non podemos deixar que se manteña a situación actual”, polo que defendeu traballar no obxectivo de recuperar os visitantes, en concreto, os 50.000 visitantes perdidos nos últimos catro anos.
Para conseguir este obxectivo salientou que é necesario ampliar os horarios de visita, reducidos drasticamente polo goberno do PSOE. “Ademais os museos non se poden converter en almacéns de cultura”, advertiu o candidato nacionalista, senón “facelos accesíbeis a todos os públicos e tamén ás persoas que visitan a cidade”, engadiu. “Hai que encher os museos de máis contidos, con actividades que dinamicen estes espazos culturais, e que os fagan cobrar vida”, concluíu.