Será o invitado especial a partir das 18:30 horas dunha sesión baixo o lema «As nosas letras, os nososo contos», que se centrará nos contos de autores galegos, entre eles o titulado «O pirata pata de lata», con texto do escritor de Cangas Xosé Manuel González ‘Oli’ e ilustracións de Ramón Trigo.
A participación de Ramón Trigo consistirá nunha intervención artística, debuxando o personaxe deste libro publicado por Kalandraka hai xa 17 anos, no mesmo ano de fundación da editorial pontevedresa. Neste encontro, o ilustrador compartirá co público infantil algunhas anécdotas do seu amplo percorrido artístico, galardoado recentemente co Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración polo seu último libro, “Leviatán”.
Actividades do mes de maio (no cartel baixo estas liñas)
As Letras Galegas serán o eixo dun programa de actividades que se desenvolverá durante todo o mes de maio, centrándose sobre todo nos máis pequenos da casa e coa colaboración de varios colectivos da cidade. Así, o vindeiro venres, a sesión vaise titular “Contos para comer cos ollos” e contará coa participación de representantes da ONG Intermón-Oxfam, que impartirán un obradoiro de cociña saudable ao remate dunha sesión de contos de temática culinaria.
“Contos signados, contos coas mans” é o lema da sesión do venres 22, á que asistirá a profesora da Universidade de Vigo Ana Fernández Soneira, especialista en lingua de signos, nun encontro pensado para seguir apostando pola integración das persoas con discapacidade auditiva. A última actividade deste mes realizarase o venres 29 e vai estar protagonizada por membros da Asociación Down-Vigo.
Ademais, hai programadas dúas sesións de contacontos especiais para bebés ata 3 anos, os mércores 13 e 27 de maio, ás 17:30 horas. Esta última contará coa presenza das mestras Jenny Franklin e Helen Burr, que interpretarán contos e cancións en inglés.
Durante este mes de maio a sala de exposicións da libraría segue adicada ás imaxes da ilustradora arxentina Natalia Colombo para o libro “Os ratos da casa”, o conto máis recente na traxectoria literaria de Xosé Manuel González ‘Oli’.