A continuación baixariamos até a Alameda e desde aí ao Náutico, para, na compaña do mesmísimo Verne, botar un ollo ao noso redor, á procura da cidade case desaparecida…
Unha cidade chea de historia aínda visible para uns ollos atentos…»
Deste xeito se presenta o primeiro dos Paseos polo Vigo literario, que inaugura este sábado o escritor Pedro Feijóo. Os participantes, que se teñen que apuntar enviando os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben indicar a cal/es paseo/s irán), partirán ás 11:30 horas dende a oliveira do Paseo de Alfonso.
O seguinte roteiro desta iniciativa, organizada polo Concello de Vigo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, será o sábado 16 de maio e a guía nesa ocasión será María Reimóndez, de catro quilómetros.
O seu texto de presentación di: «Fronte ao desenraizamento, ela escolleu transplantarse, botar raíces aéreas e traer canda a si a montaña ao mar. Gaia, a protagonista de En vías de extinción percorre diferentes espazos mais a súa vida aséntase xa de forma definitiva na cidade ampla que acolle, de brazos abertos, o indómito e biodiverso. Vigo é tamén o espazo de intersección entre o ficcional e o vital para María Reimóndez quen neste percorrido nos levará polos espazos desta obra e compartirá tamén en exclusiva fragmentos da súa próxima novela A música dos seres vivos».
Por último, o día 23 será o roteiro guiado por Francisco Castro, que partirá da Praza da Constitución. «Desde a Praza da Constitución desprazarémonos ata a Porta do Sol, ao edificio onde estaba ubicado El Pueblo Gallego, que serviu de inspiración para recrear o Eco de Vigo, o xornal onde traballa o pai do protagonista. Baixaremos cara o Teatro García Barbón, para parar na antiga sede da churrería ‘Bonilla’ de camiño cara á rúa Luis Taboada, rúa que albergaba a enigmática imprenta da novela Tes ata as 10. A Praza de Compostela-Alameda e o Porto Deportivo encamiñarannos cara á estatua de Xulio Verne, protagonista da cidade e da novela».