As sesións anecoicas do Festival Sinsal son unha exploración dos límites do son (e da música) que intenta espertar nos asistentes sensacións acústicas diferentes. É un ciclo que programa artistas da música galega actual no interior dunha cámara especialmente deseñada para que as paredes, o teito e o chan absorban todas as ondas sonoras, sen ningún tipo de reverberación. O público que forma parte desta experiencia tamén tivo a oportunidade de escoitar algunha canción dos artistas convidados nunha habitación contigua, de formigón, para comprobar a diferencia entre o son direccional, sen rebote (cámara semianecoica) e o son con reverberación do formigón. A cámara é un espazo deseñado e recuberto para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas, con apenas eco nin reverberación.
Puido probala o pasado 29 de maio Nicolás Pastoriza, que será, ademais, o encargado de poñer música á clausura este xoves 11 no Marco. As actividades comezarán ás 20:30 h coa proxección dos audiovisuais das diferentes sesións anecoicas (Best Boy, Caxade, Ulobit, Apenino, 2uS e o propio Nicolás) e continuarán ás 21h co concerto de Nicolás Pastoriza, que presentará temas do seu novo proxecto discográfico «Luna de Kubrick». Baixo simplemente o nome de Nicolás, constrúe xunto ao guitarrista e teclista Marta Toro «un disco de pop artesanal e caseiro». O traballo inclúe colaboracións de Amaro Ferreiro, Iván Ferreiro, David Rial, Javi Embora ou Fran Bansfil e conta para a portada cun deseño de Victor Coyote.
Espacios diferentes
Desde o seu nacemento en 2003, o Festival Sinsal sempre manifestou interese polos diferentes espazos nos que é posible presentar un concerto. O proxecto na cámara semianecoica nacía no último trimestre de 2014 coa colaboración entre o Festival Sinsal, o Marco de Vigo e o laboratorio de acústica organizado polo centro de investigación AtlanTIC na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.