Faise necesaria, deste xeito, a existencia dunha rede de mergulladores voluntarios que presten a súa axuda a científicos e investigadores, pero deben contar cunha formación previa como a que achegan diferentes organismos de investigación. Unha destas entidades é The Bites Lab, que vén de organizar un curso en colaboración coa Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. O obxectivo das sesións, que arrancaron o pasado martes e remataron este domingo, é formar mergulladores deportivos ou voluntarios para este tipo de recollida de datos empregando a técnica Reef Life Survey. Dirixido por Mikel Becerro, investigador Centro de Estudios Avanzados de Blanes-CSIC, o seminario eminentemente práctico contou coa colaboración da Área de Medio Mariño da Ecimat, Buceo Atlantis e o Parque Nacional de Illa Atlánticas.
Durante seis días, nove mergulladores voluntarios fixeron as prácticas en augas da ría para acreditarse na metodoloxía Reef Life Survey que permite a realización de censos de organismos bentónicos que habitan nos fondos rochosos, utilizando a metodoloxía internacionalmente utilizada pola rede de estudos de biodiversidade Reef Life Survey. Trátase dunha técnica de mostraxe de fondos non intrusiva mediante o emprego de técnicas fotográficas empregando equipos de mergullo autónomo. Con este tipo de cursos trátase de aumentar a rede existente de mergulladores especialmente adestrados nesta metodoloxía e altamente comprometidos co medio ambiente, que traballan en colaboración con científicos e xestores na investigación e conservación da biodiversidade mariña en diferentes puntos do planeta, neste caso na ría de Vigo.
Unha iniciativa que nace en Australia
Reef Life Survey nace na Universidade de Tasmania (Australia) da man dun grupo de biólogos mariños e ten como obxectivo mellorar a conservación da biodiversidade e a xestión sostible dos recursos mariños e faino a través de estudos e análises da riqueza desa biodiversidade nos arrecifes rochosos e coralinos empregando métodos científicos non invasores. Para iso creouse un programa de formación de mergulladores voluntarios para achegalos ao método Reef Life Survey, no que se encadra o curso organizado esta pasada semana na Ecimat. Dende a asociación destacan que as actividades dependen das habilidades dos mergulladores recreativos experimentados e motivados, así como de alianzas con organismos de xestión e de investigación universitarios, neste caso a Universidade de Vigo a través do centro de Toralla.
Jorge Pascual, estudante de doutoramento da Universidade de Vigo, foi un dos participantes neste curso e explica que é preciso ter coñecementos previos de mergullo, «pero non científicos». De feito, na iniciativa participaron estudantes de doutoramento, de grao e directores de centros de mergullo. O método consiste en tirar unha corda de 50 metros no fondo mariño e seguila en diferentes distancias e direccións para contabilizar o número de peixes e de invertebrados. “Apuntamos nunha táboa as especies que avistamos e o número de individuos de cada unha, así como as súas medidas, e tamén quitamos fotos”, explica Pascual. Deste xeito, empregando o mesmo método de xeito rigoroso, “podemos compara datos recollidos en diferentes partes do mundo”. Jorge Pascual valora moi positivamente a experiencia e destaca que se trata dun método que se está expandindo polo mundo e funcionando moi ben, xa que non é unha técnica invasora e permite recoller datos para poñer a disposición de investigadores para realizar estudos, por exemplo, sobre o impacto de especies invasoras ou do quentamento global. É, segundo subliña o investigador, “unha colaboración altruísta coa ciencia”.
Coa implicación destes mergulladores voluntarios na recolección de datos a grande escala, trátase de acadar datos de máis de 3500 especies mariñas en máis de 2000 puntos de 40 países. Analizando esta información pódese rexistrar o cambio dos ecosistemas, permitindo tanto ás administracións públicas como aos científicos entender mellor como as actividades do ser humano teñen un forte impacto no medio mariño e buscando así os mellores métodos para reducir as ameazas.
Inmersións na ría de Vigo
Ao longo da semana realizáronse inmersións en cinco zonas de fondos rochosos da ría de Vigo localizados entre 7 a 10 metros de profundidade, entre os cales destacan os fondos das illas Cíes. A toma de mostras realizouse dende o Kraken, a embarcación da Ecimat, e o Atlantis, a embarcación da empresa de mergullo do mesmo nome. Unha vez en terra, os participantes realizaron nos laboratorios da Ecimat a catalogación dos datos das mostraxes diarias.
Segundo explica o director da Ecimat, Jesús Souza Troncoso, son moi poucos os centros que están implicados nesta metodoloxía innovadora. En concreto, en España ata agora “tan só participan investigadores do centro do CSIC de Blanes”, destaca Troncoso, que engade que a certificación corresponde a un experto australiano que esta semana participou no curso en Vigo, e é unha das dúas únicas persoas que poden acreditar a capacitación dos mergulladores para a recollida de datos seguindo a técnica RLS.
ARTIGO ORIXINAL DE M. DEL RÍO NO DUVI