O alcalde Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, recibiu na Alcaldía a Concepción Martins, presidenta do Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia, ao directivo Ramón Román e ao coordinador deportivo da entidade, Sergio González; que acudiron eacompañados polo xogador de dous metros e do Joventut de Badalona Alberto Abalde.
O prometedor Alberto Abalde obtivo hai unhas semanas a medalla de prata no Europeo sub-20 coa selección española. Xa disputou partidos na Liga ACB e é un dos xogadores de España con maior proxección. De feito, hai uns meses apuntouse ao ‘draft’ da NBA, aínda que retirou a súa candidatura antes de que se cumprise o prazo.
Abel Caballero confesou aos directivos do club e a Abalde que o baloncesto resúltalle «un deporte estresante» polo continuado cambio de marcador que conleva máxima tensión e emoción. «Do mesmo xeito que o tenis», dixo. Nun encontro moi cordial, o xefe do goberno vigués desexou ao xogador da Penya que continúe pola actual liña de éxitos e preguntoulle ademais pola súa estatura, posición na cancha e as horas de adestramento.
O alcalde e o concelleiro de Deportes amosaron o seu pleno apoio ao evento, que se disputará nas pistas do Colexio Seis do Nadal o venres 21 de agosto nas categoría minibásquet e infantil/cadete, e o sábado 22 en categoría júnior/sénior.