Este proxecto comezou a pasada tempada, pouco antes do remate do curso lectivo. Nestes meses houbo traballo de promoción con clases mixtas e xa hai deportistas inscritos (algúns ex xogadores de balonmán e outros, chicos sen experiencia deportiva). O obxectivo é poñer en marcha unha liga universitaria de balonmán e incluso poder participar en torneos universitarios, tanto a nivel estatal coma internacional, pero primeiro hai que conseguir xogadores nos tres campus (Vigo, Ourense e Pontevedra) para poder poñer en marcha competicións internas.
As xornadas abertas (Pavillón Universitario, de 15 a 17 horas) son para deportistas de todos os niveis, tanto masculinas coma femininas, e todas e todos os interesados poderán apuntarse na páxina web do servizo de deportes da Universidade de Vigo.