Tralo clásico “O paseo de Rosalía”, publicado en 1968 e recuperado recentemente por Kalandraka, a autora británica deulle continuidade ás aventuras da simpática galiña que, desta volta, percorre toda a granxa na procura do seu pitiño, que resulta ser tan despistado e destemido coma ela.
Outras dúas galiñas protagonizarán o resto da sesión. “A galiña roxa” afánase en sementar o trigo, coidar da plantación, recoller o gran, moer e facer o pan mentres outros veciños a contemplan sen axudarlle; un relato que fala da recompensa polo traballo ben feito e que censura a actitude dos nugalláns que pretenden conseguir un resultado sen ningún esforzo previo.
O que tamén está en apuros é “O poliño da abeleira”, que a piques estivo de afogar se non fose porque a mamá galiña foi no seu auxilio tras pedirlle axuda a outros personaxes; un conto acumulativo para primeiros lectores.
As actividades de animación lectora en Libros para soñar continuarán a próxima semana cun
contacontos para bebés o mércores ás 17:30h e o venres, na sesión de contos habitual para nenos
e nenas a partir de 4 anos.
Ademais, xa está aberto o prazo de inscrición para a nova edición do curso de contacontos para
adultos que impartirá a actriz e narradora Beatriz Campos os días 16, 17, 18 e 19 de novembro en
horario de 10:30 a 13:30 horas.