Pazos Couñago continúa así a rolda de contactos cos 14 alcaldes da Área Metropolitana, e ao igual que en anteriores reunións destacou a boa sintonía cos representantes do concello ca premisa común de botar a andar a Área o antes posible co máximo consenso entre todos, polo que agradeceron ao director xeral estas reunións nas que poden explicar polo miúdo a situación de cada concello con respecto á Lei.
Na reunión indicaron que a financiación debe ser ponderada xa que aporta maior seguridade e racionalidade na contribución dos concellos, e coincidiron na pertinencia dunha achega fixa por habitante, en consonancia coa proposta da Xunta de Galicia, ademais de apostar por un sistema consensuado que ofreza garantías aos concellos, e todos coincidiron en que a Área debe botar a andar co máximo consenso posible. Consideraron fundamental a posta en marcha inmediata do transporte metropolitano.
Ademais, coincidiron tamén na necesidade dun equilibrio entre a Asemblea e a Xunta de Goberno, evitando a existencia do voto ponderado, que prexudicaría aos concellos máis pequenos da Área, de tal maneira que esta funcione por consenso e que ningún alcalde poida proceder segundo o seu criterio.
Os encontros do director xeral de Administración Local da Xunta continuarán este mesmo mércores co alcalde de Gondomar, co obxectivo de seguir coñecendo persoalmente as propostas e suxestións dos representantes municipais e intentar acadar así o máximo consenso posible para que a Área Metropolitana de Vigo bote a andar o antes posible.
De xeito paralelo, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén mantivo varios encontros con alcaldes da comarca para achegar posturas ao respecto da área metropolitana. A última foi con todos os alcaldes involucrados na Área e tamén os rexedores dos municipios candidatos a formar parte dela.