Miguel Cerro foi o gañador do VIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado -que se entregará este xoves no Pazo de Raxoi, en Santiago- coa obra titulada “Despois da chuvia”, que Kalandraka vén de publicar en todas as linguas peninsulares.
O cordobés explicaralles aos lectores o proceso de creación do álbum “Despois da chuvia”, unha fábula moderna sobre a superación das adversidades, a adaptación ao medio e a colaboración duns cos outros para a supervivencia do colectivo.
Conta a historia dun diluvio que obriga os habitantes dun bosque a saír adiante nun improvisado refuxio. Entre os personades deste relato destaca un entrañable raposo que se enfrontará á desconfianza inicial dos seus compañeiros.
Na obra galardoada co VIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado están presentes a solidariedade e o traballo en equipo na busca do ben común, que non depende do luxo, senón de elementos esenciais -e mesmo inmateriais- para atender as necesidades básicas.
Técnico superior en Deseño Gráfico, Miguel Cerro dedícase profesionalmente á ilustración e ao deseño gráfico dende 2008. Realizou numerosos traballos de deseño, publicidade e ilustración, especializándose en carteles e libros ilustrados. Como autor ou ilustrador publicou máis dunha ducia de obras, algunhas das cales recibiron premios e mencións en diversos concursos. Foi seleccionado para a Bienal de Bratislava 2015 e para o Catálogo Iberoamericano de Ilustración 2013. Ademais, participou
en exposicións realizadas en Madrid e Andalucía.