O proxecto presentado onte na aula de interpretación da batalla de Rande terá o primeiro viaxe ‘piloto’ o vindeiro 15 de abril de 2016. A partir dese instante, as empresas que participan en Agan+ desexan converter os cruceiros costeiros (coñecidos como cabotaxe) nun proxecto con saídas regulares mensuais durante os meses previos ó verán (maio e xuño) e posteriores ó mesmos (setembro, outubro). A medio prazo a intención é consolidar a oferta de cruceiros costeiros e realizar un cada semana en toda Galicia.
Non obstante, o primeiro estará nas Rías Baixas e foi presentado onte cun percorrido de tres días. O inicial está centrado na Ría de Vigo con saída na cidade olívica e paso pola enseada de San Simón para rematar a xornada en Baiona. A segunda xornada estará centrada nas Illas Cíes e a Ría de Pontevedra e a xornada final quedará para a zona de Arousa. Os cruceiros costeiros, que poderán facerse nos habituais catamaráns ou en veleiros, están proxectados para grupos de entre 100 e 150 persoas e, no percorrido, inclúe paradas en terra para coñecer as vilas das Rías Baixas.
Ademais da navegación, o programa ‘Tesoro de las Rías de Galicia’ ten previsto incorporar un programa de realidade aumentada que permitirá os participantes coñecer os segredos dos lugares que visita e que foi presentado na viaxe inaugural realizada onte pola Enseada de San Simón. O proxecto, seguindo as explicacións dos organizadores, ten a súa orixe nos cruceiros costeiros, tamén coñecidos como cabotaxes, que se realizan en Francia e na desembocadura do río Douro, en Portugal.
O proxecto de cruceiros costeiros contou na súa presentación coa representación institucional de Nava Castro (Xunta), Enrique López Veiga (Porto de Vigo) e Xabier Alonso (concello de Redondela). As empresas e organizacións que impulsan este proxecto son Náutico de Cormorán, Humansoft, Naviera Bahíasub, Interrias, Pazo Bodega e Aclunaga. Pódese atopar máis información sobre este proxecto na web nauticdestination.com.