INFANTIL FEMININO
Galicia, 21 – Asturias, 20: As mini galaicas e as asturianas ofrecéronnos este luns unha final de infarto (21-20). Na primeira parte, o partido estivo moi igualado tanto en defensa como en ataque o que significaba que houbo vantaxes mínimas para un ou outro equipo. Así, chegamos ao descanso cun resultado de 12-11.
As mini galaicas despois do descanso saíron con moita intensidade, ata o minuto 12 que, debido a un problema coas luces, os dous conxuntos estiveron 10 minutos parados. Aínda así conseguiron unha distancia de catro goles nos primeiros 15 minutos. As asturianas non baixaron o ritmo e os nervios nos minutos finais atenazaron as locais, que perderon a súa intensidade no xogo. Así, Asturias logrou achegarse no marcador e lograr un resultado moi igualado, que mantivo en vilo ao público ata o último segundo do partido.
Galicia: Sabela Abalde, Olalla Penabella, Silvia Leiras (10), Goretti Crespo, Adriana Mallo, Alexia Penabella, Patricia Mallo (7), Uxía Mariño, Antía Paz, Paola Gómez, Noemi Fernández, Carme Castro, Antía Seijo, Ithaisa Trigo (3), Lucía Pérez, Lucía de la Torre (1).
INFANTIL MASCULINO
Galicia, 21 – Asturias, 24: Partido frouxo por parte dos galegos, cheo de imprecisións, todo o contrario que o asturianos, que parece ter collida a medida ao combinado galego. O conxunto asturiano non baixou a intensidade durante todo o encontro castigando os fallos dos galegos que tiveron unha primeira parte repleta de dúbidas e pasividade tanto ofensiva como defensiva chegando a ir ao descanso 11-14 a favor dos asturianos.
Ao comezo da segunda parte os galegos apertaron os dentes chegando a recortar toda a diferenza e empatando o encontro pero a partir do minuto 16 volveron aparecer as dúbidas e imprecisións nos galegos. Esta oportunidade foi aproveitada por Asturias, que chegou a alcanzar unha vantaxe de 3 goles outra vez. Nos últimos 5 minutos Galicia tivo a oportunidade de recortar diferenzas pero non atinou no seu ataque e o partido finalizou co 21-24 a favor de Asturias, que se proclamou gañadora do torneo.
Galicia: Isaac Couso, Víctor Fernández (2), Iván Fernández, Javier Iglesias, Pablo González, Martín Alfalla, Diego Pérez (2), Carlos Álvarez (5), Juan Piñeiro, Alejandro Gómez (2), Daniel Gómez (2), Jaime Leira (4), Juan Lago (1), Mateo Arias (2), Manuel Chao e Carlos Mariño (1).
CADETE MASCULINO
Galicia, 32 – Asturias, 27: O partido comezou cun ritmo eléctrico e moita igualdade. Pero a defensa galega puxo o listón moi alto, complicando o ataque asturiano, o que lles permitiu abrir unha brecha de 3 goles que pouco foron ampliando ata o 18.13 no descanso.
Na segunda parte os galegos mantiveron o ritmo alto de concentración no xogo e foron ampliando as distancias. Grazas a unha gran defensa e un ataque fluído lograron acadar a máxima vantaxe no minuto 50 (28-20) . Nos últimos minutos, un arreón asturiano logrou maquillar o marcador final (32-27).
Galicia: Andrés Alonso (2), José Leiras (2), Andrés Vila, Álvaro Preciado (3), Ángel Barreiro, Roque Arias, Daniel Fernández, Daniel Gonçáles (3), Jorge Varela (3), Miguel Mouriño (1), Brais González (3), Bruno Vázquez, Javier Figueroa (6), Martín Gayo (7), Yago Santomé, Rubén Fernández (2).
CADETE FEMININO
Cantabria, 21 – Asturias, 25: Esta foi a única final na que non estaba presente Galicia. Proclamouse campioa do torneo, a selección asturiana, que a mellor durante toda a fin de semana.
XUVENIL MASCULINO
Galicia, 27 – Asturias, 16: Galicia logrou o triunfo na final xuvenil masculina, nun partido no que os locais foron moi superiores na segunda parte. A primeira metade foi moi parella, cunha grande intensidade defensiva por ambos equipos. O equipo galego amosouse un pouco espeso en ataque e así chegaron ao descanso con dous goles de vantaxe (11-9). Na segunda parte, Galicia estivo moito máis fluída en ataque e mantiveron unha gran defensa. Ao final, 27-16.
Galicia: Alejandro Pereiro, Raúl Nogueira, José Manuel López (1), Brais López (1), Carlos Vilanova (2), Ángel Rodríguez (1), Diego Prada (3), Antonio Mato, Sergio Altirriba, Iago Fernández, David Iglesias (8), Sergio Lorenzo, Daniel Ramos (5), Pedro Doimil (6) e Iván Calvo.
XUVENIL FEMININO
Galicia, 30 – Asturias, 31: A selección galega xuvenil feminina caeu derrotada na final do torneo, nun partido que se decidiu nos últimos segundos. Foi un choque de altibaixos onde as galegas controlaron os inicios do partido sen ser capaz de pechalo xogando en superioridade. Así, na primeira metade, o combinado galego ía por diante no marcador, pero no inicio do segundo tempo Asturias logrou poñerse por diante e Galicia tivo que facer un grande esforzo para remontar. Así, chegaron aos minutos finais moi igualados e con vantaxes para os dous equipos.
Faltando 40 segundos e con empate no marcador, Galicia ataca, pero non acertou lo lanzamento final e na réplica, Asturias acadou o gol da vitoria.
Galicia: Laura Rúa (7), Elvira Fe, Paula Amorín (3), Alicia Campo, Manuela Pereira (3), Sandra López (5), María Varela, Paula Alonso, Carmen Prelchi (4), Marta Pombal (1), Nerea Bouzón (2), Raquel García, Tamara Seijas (2), Ana Piñeiro, Lara Patiño, Laura Piñeiro.