O contrato (http://www.contratosdegalicia.es/licitacion?N=23759) permitirá dar continuidade ao desdobramento do tramo Enlace de Rande-enlace de Domaio (conexión coa estrada local que comunica os núcleos de Domaio e San Lourenzo), que está xa en fase de obras.
O proxecto construtivo do segundo tramo define o desdobramento do segundo dos tres subtreitos no que se executarán as obras de conversión en autovía do corredor do Morrazo. A actuación comeza no enlace de Domaio, no pk 3+070 da actual corredor, e finaliza no enlace de Meira, no pk 7+280.
Ao longo dos máis de 4 quilómetros de actuación, ademais do desdobramento do tronco proxéctanse as seguintes obras principais: remodelación dos enlaces de principio e fin da actuación, duplicado do viaduto da Mó, de 430 metros, e ampliación de dous pasos inferiores e dun superior.
No desenvolvemento da solución proxectada, queda ademais a execución dunha futura área de servizo en Meira, no PK 4+810, para o que se construirán os ramais que permitirán todos os movementos de entrada e saída da mesma incluída a execución dun novo paso superior sobre a autovía.
O proxecto desenvolve o trazado aprobado pola Xunta en 2013, que respecto ao licitado anteriormente recolle, entre outros, axustes de deseño en planta e en alzado para minimizar os movementos de terras, compensando no posible o volume de desmonte co de terraplén.
Neste treito mantense a solución de alternancia do desdobramento pola marxe dereita e pola esquerda, aínda que con modificacións na formulación nalgúns subtramo para acadar unha mellor compensación de terras, un maior aproveitamento da calzada existente e reducir o volume dos muros.
No viaduto da Mó, situado entre os puntos quilométricos 6+310 e 6+740, modifícase tanto a planta coma o alzado respecto do proxecto de trazado, co obxecto de separar as dúas estruturas e de executalas á mesma cota (o viaduto do proxecto de trazado estaba 6 metros por debaixo do actual). Deste xeito, durante a construción das cimentacións do novo viaduto minoraranse as posibles afeccións sobre as do existente, e reducirase o impacto visual.
A conversión en autovía do Corredor do Morrazo é a infraestrutura viaria que absorbe o maior investimento nos Orzamentos da Xunta para 2016. Esta partida, de case 18 millóns de euros, permitirá que estean en plena execución o vindeiro ano as obras do treito I, o inicio das obras do treito II e o avance no treito III.
Con estre proxecto dotarase á comarca do Morrazo dunha autovía libre de peaxe, que resolva os problemas de capacidade do corredor actual, xa que por esta vía circulan 15.000 vehículos cada día, unha cifra que chega ata os 20.000 moitos días de verán.