O 26 de decembro abre as súas portas no Recinto Feiral de Vigo a XIII Edición de Vigolandia, un salón de lecer de máis de 20.000 metros cadrados de superficie que presentaron esta martes Cayetano Rodríguez, concelleiro de Cultura, Laura Iglesias, concelleira de festas e turismo e Arsenio Prieto, xerente do IFEVI.
Para Cayetano Rodríguez, Vigolandia é unha actividade «fundamental» dentro da programación das festas e do ocio na cidade durante o Nadal «e todo o que rodea este espírito e o modo de vivir estas festas na cidade, máis máxico, lúdico e festivo que fai que saiamos á rúa e que nos poñamos en contacto coa cidadanía e coa propia cidade para admirar o seu progreso». Ademais de sinalar o apoio do Concello á cita, destacou o carácter «socio-benéfico do evento que ten un retorno de responsabilidade social» pola achega directa que fan as familias pagando a entrada de 3 euros e o depósito de produtos de alimentación non perecedoiros e xoguetes para as familias necesitadas.
A concelleira de festas e turismo, Laura Iglesias, sinalou que «dende o Concello queremos apoiar estes eventos que enriquecen a axenda cultural e de ocio da cidade e que complementan as actividades municipais» polo que anima a todas as familias a visitar Vigolandia e a colaborar na medida das súas posibilidades. No IFEVI poderán admirar, por exemplo, os debuxos realizados por preto de 2.000 escolares dos centros educativos vigueses que participan no concurso «Debuxando o Nadal».
A décimo terceira edición de Vigolandia inicia as súas actividades o sábado 26 de decembro entre as 16:00 e as 20:00 horas e permanecerá aberto dende o 27 ata o 30 de decembro dende as 12:00 horas da mañá ata as 20:00 horas do serán. Arsenio Prieto, xerente do Ifevi, destacou o feito de que sexa a «única actividade que organiza o recinto» por si mesmo e que se ten convertido nunha das citas principais, que vai adquirindo importancia ano a ano. Quixo agradecer tamén o apoio do Concello e das persoas, empresas institucións e entidades que colaboran para facer posible Vigolandia.