Pero imitar a cabras, xabaríns ou coellos non é cousa fácil. As persoas hai moitos anos que deixaron de andar a correr polo monte galego e sempre é preciso levar a cabo unha serie de precaucións. Tamén pódense ofrecer unha serie de consellos para facer levadeira a carreira e, a pesar de que é correr, parece outro deporte en moitos aspectos. O pé e a súa relación co chan constitúe a principal chave.
- Elixe ben os neumáticos. Moitos dos ‘trail’ teñen uns cantos metros por enriba de rocha, tanto subindo como baixando. A rocha é escorregadiza e, se chove como estes días, é case unha pista de patinaxe. Aquilo de vou caer… pode ser moi habitual. Existen zapatillas específicas das carreiras de montaña con tacos. Son óptimas para o agarre e o longo dos tacos virá marcado polo barro. Outro aspecto importante é a resistencia. Aínda que sexan algo máis pesadas, unha zapatilla non pode rachar ó golpear o primeiro pau do camiño. Haberá moitos.
- Moito ollo onde pisas. Pistas, sendeiros, rochas. É dicir, irregularidade. É moi importante observar o chan e escoller o lugar adecuado para meter o pé con seguridade. É a chave para evitar lesións (a escordadura é un clásico) e caídas. Isto obriga a unha axilidade mental que non hai que ter en calquera carreira sobre asfalto.
- Fortalecer nocellos e xeonllos. Traballo de resistencia é forza. En moitas ocasións, nos ‘trails’ é determinante para a velocidade global a fortaleza das pernas. En primeiro lugar, para evitar lesións de xeonllo e nocello polas irregularidades. No segundo aspecto porque hai que superar grandes desniveis. En ascenso é fundamental a forza e, tamén, no descenso onde hai que frear e acelerar o peso do corpo.
- O ritmo é secundario. Cobra importancia o desnivel. Podes ir moi rápido e topar cunha pendente do 20% durante 200 metros. O ritmo rachouse. Podes pensar que recuperas na baixada é trátase dun camiño minúsculo entre árbores… O ritmo é secundario en moitas das carreiras de montaña. Regula e pensa no desnivel, o gran dato de dificultade.
- Técnica de carreira e o arte da paradiña. A técnica de carreira é moi similar, pero con variantes. Para o ascenso baixa a lonxitude do paso, mete o corpo cara adiante e apoia por detrás do centro de gravidade. Para a baixada, evita estar co pé apoiado moito tempo. Cada milésima que está a zapatilla en contacto co chan existe risco de esvarar. Sobre todo, non intentes frear de xeito brusco sobre rocha ou barro… Por certo, se a pendente é moi pronunciada, para de correr e sube andando. Case todo o mundo o fai porque correndo gañas moi pouco tempo e perdes moita enerxía.
- Correr con cabeciña. Unha cousa é tirarse ao monte e outra facelo sen cabeciña nin pel. En Galicia non acostuma a pasar, pero si noutros moitos lugares. Unha mañá bonita de sol pode rematar cunha tormenta e moito frío. Se estás no Courel e non hai ninguén nuns cantos quilómetros á redonda… a cousa pode rematar mal. En días de mal tempo como este comezo de ano, levar unha camisola térmica e un ‘cortavento’ impermeable, pero transpirable é máis que recomendable. Tamén aconséllase andar polo monte con barriñas enerxéticas e un bidón de auga. Imaxina que aparece unha escordadura. Tes que volver ao coche e pode non ser doado.
Máis alá das recomendacións, correr polo monte tamén ten unha parte de diversión. Chegar a calquera competición e poder atravesar camiños, ríos e pistas que non coñecías e presentan unha particular beleza. Estar en contacto coa natureza e tamén observala. Se queres ir moi rápido, igual perdes unhas bonitas instantáneas polo camiño.
Nesta semana de mal tempo, Valadares acolle un ‘trail’ de iniciación sobre 11 quilómetros, mentres que Salceda de Caselas ofrece o Trail dos Penedos con 15 e 27 quilómetros. Comezan a ser cousas serias e máis entre choiva, barro e charcos. Poder completar ambos en pleno inverno pode ser unha experiencia bonita. Iso si, con cabeciña.