O equipo galego disputará a semifinal mañá día 7 (13:00 horas) contra Cataluña. O resto dos cruces nos cuartos de final trouxo noticias negativas para o balonmán galego. O equipo infantil feminino caeu contra Asturias, o cadete masculino perdeu fronte a Asturias e o xuvenil masculino sufriu unha derrota ante Madrid. Na Copa triunfos das seleccións galegas cadete e xuvenil femininas.
Infantil masculino: Galicia, 31 – Castela e León, 30
Os minigalaicos ofrecéronnos un partido de infarto nos cuartos de final contra Castela e León, nun choque no que ningún dos dous equipos logrou unha renda superior aos dous goles. Os rapaces de Pablo Blanco dispuxeron un 6.0 moi eficaz na primeira parte que meteu en apertos a Castela e León, pero no ataque, por contra, houbo moitos erros de lanzamento e de perdas. Desta forma, os casteláns chegaron ao final da primeira parte con vida, cun marcador de 13-12 a favor dos galegos.
Na segunda parte continuou a mesma dinámica coa que rematou o primeiro tempo. Pero a partir do minuto 5 a defensa galega comezou a fallar, aínda que a portería logrou aguantar ao equipo no partido. O final do encontro foi dramático. Galicia chegou aos instantes finais contra as cordas, despois dunha perda de balón e un contraataque (24-25), pero os infantís galegos tiraron de casta e forzaron unha exclusión moi importante para o que viría despois. A falta de 9 segundos Galicia logrou un penalti que Jose Manuel Chao transformou en gol para empatar o partido e levalo á prórroga (25-25).
Na prórroga mantívose o partido igualado e Galicia chegou ao último instante con vantaxe no marcador e atacando os castelás. Ao final o porteiro Pablo González sacou un balón prodixioso que meteu a Galicia en semifinais. Obxectivo conseguido!
Galicia: Isaac Couso, Víctor Fernández (1), Iván Fernández (3), Javier Iglesias, Pablo González, Martín Alfaya, Diego Pérez, Carlos Álvarez (5), Juan Piñeiro (1), Alejandro Gómez (4), Daniel Gómez (4), Jaime Leira, Juan Enrique Lago (3), Mateo Arias (5), José Manuel Chao (2), Carlos Mariño (3).
Mañá Galicia xogará a semifinal contra Cataluña (13:00 horas), un rival invicto no que vai de campionato e moi forte.
Infantil feminino: Galicia, 17 – Asturias, 26
Foi un partido complicado dende o mesmo inicio. O choque comezou con tres goles a favor do conxunto asturiano, que empezou con moita intensidade e forza. A defensa galega tiña serios problemas para frear o ataque das asturianas e así sempre estiveron por detrás no marcador. Ao descanso, 6-10 a favor das asturianas.
As nosas galegas na segunda parte saíron motivadas e con ganas de remontar pero os erros en ataque, defensa e as exclusións en contra fixeron que as asturianas aos poucos foran logrando aumentar as distancias máis e máis. As minigalaicas tentaron rebaixar esa vantaxe sen éxito algún.
Galicia: Sabela Abalde, Olalla Penabella, Silvia Leiras (12), Goretti Miguel, Adriana Mallo, Alexia Penabella, Patricia Mallo (2), Uxía Mariño, Antía Paz (1), Paula Gómez, Noemí Fernández, Carmen Castro (1), Antía Seijo, Lucía Pérez, Ithaisa Trigo, Lucía de la Torre (1).
Mañá día 7 Galicia xogará contra Madrid (16:30 horas), tentando loitar pola quinta posición.
Cadete masculino: Galicia, 30 – Asturias, 33
Non puido ser. O equipo galego cae eliminado da competición ao perder contra Asturias no cruzamento de cuartos de final. O partido empezou cos asturianos por encima no marcador e os erros en ataque do equipo galego, que non tiña o seu día ante a portería rival polo que aos poucos os asturianos lograron ir distanciándose no marcador ata o 11-15 do descanso. Na segunda parte, os galegos, a pesar de atoparse moito máis acertados en ataque e deixar a pel na pista, non foron capaces de darlle a volta ao marcador, deixando o resultado final en 30-33.
Galicia: Andrés Alonso, José Leiras (7), Andrés Vila (1), Álvaro Preciado (3), Ángel Barreiro, Roque Arias (2), Daniel Fernández, Daniel Gonçalves, Jorge Varela, (2) Miguel Mouriño, Brais González (3), Bruno Vázquez, Javier Figueroa (9), Martín Gayo (1), Yago Santomé (1), Rubén Fernández (1)
Mañá día 7 Galicia enfrontarase á Andalucía (16:30 horas) na loita polos postos do quinto ao oitavo.
Xuvenil masculino: Madrid, 34 – Galicia, 30
Bo partido do conxunto galego que dominou o partido durante 50 minutos e chegou a gozar dunha vantaxe de ata cinco goles. Dende o inicio, Galicia estivo moi metida no choque e con vantaxe no marcador. Así, ao descanso, os nosos tiñan tres goles máis ao seu favor.
Todo comezou igual na segunda metade, con control galego, mentres que Madrid buscou romper o partido cunha defensa dobre mixta sobre Brais e David. Aínda así, o conxunto galego aguantou o empuxe mentres se mantivo a igualdade numérica. A falta de dez minutos para o remate do choque Galicia mandaba 25-28 e no minuto 55 chegou o empate de Madrid (29-29). Pero tres inferioridades e errores en lanzamentos nos momentos decisivos desequilibraron o partido definitivamente a favor de Madrid.
Galicia: Raul Nogueira, Diego Prada, Carlos Vilanova (5), Pedro Toimil, José Manuel López, Alejandro Pereiro, Brais López (5), Sergio Altirribia (1), Antonio Mato, José López (6), Sergio Lorenzo (1), Iván Calvo, Daniel Ramos, Martín Davila (1), Ángel Rodríguez (4), David Iglesias (7).
Mañá, Galicia enfrontarase a Navarra (16:30 horas) na loita polos postos do quinto ao oitavo.