O programa de competición iniciarase este venres, a partir das 16:00 horas, coa proba de remudas por seleccións. Sete comunidades autónomas teñen previsto tomar parte nesta espectacular disciplina onde cada equipo está formado por seis corredores. Se non hai cambios de última hora, o cadete Carlos Canal, o junior Ivan Feijóo, a fémina Desirée Duarte, o sub 23 Samuel González, o master (40) Guillermo Alvarez e o elite Mauro González serán os compoñentes do sexteto galego. O seu obxectivo será conseguir unha medalla tras o bronce logrado hai un ano.
Ao día seguinte, o sábado, a primeira carreira será a de Master 50 e 60 (09:30 horas) con Javier de la Fuente, gañador da Copa de España 2015, defendendo os intereses de Galicia. A continuación será a quenda para os Master 40 (10:45 horas) con Guillermo Álvarez.
Un dos momentos estelares desta cita chegará ao mediodía. Ás 12:00 horas compiten todas as categorías femininas. Antía Martínez, Carla Fernández e Ana Belén Domínguez farano na carreira cadete; Irene Trabazo, gañadora da Copa de España 2015, Sara Trigo e Zaida González na junior; e Desirée Duarte e Sandra Moral na proba Elite e Sub 23. O programa deste día completarano os Master-30 (14:30 horas), con Narciso Piñeiro, e os homes Sub 23, con Samuel González e Adrian Valverde como bazas galegas.
A última xornada, a do domingo, arrincará cos cadetes (10:30 horas), categoría que contará coa presenza de Carlos Canal, Adrian Giráldez, Adrian Barros e Mario Fernández. Unha hora máis tarde (11:45) entrarán en escena os juniors. O vencedor da Copa de España 2015, Iván Feijóo, destaca na formación de Galicia acompañado de Román Saa, Abel Franco e Pablo Álvarez. Por último, Mauro González e Darío Otero estarán na carreira reina Elite (13:15), que será o colofón destes campionatos.
A previsión meteorolóxica, con alta probabilidade de choivas, converte ao barro nun factor para ter moi en conta á hora de endurecer un circuíto bastante chairo con zonas técnicas, de area e escaleiras. A expedición de Galicia partiu no mediodía deste xoves desde Santiago e regresará o domingo pola tarde.