Desde o inicio da carreira junior masculina, o vasco Jokin Alberdi marchouse en solitario. Por detrás reaccionaban os outros dous grandes favoritos, Feijoo e o catalán Cullel. No primeiro xiro, o ciclista de Euskadi avantaxaba en 15 segundos ao galego e en 26” ao representante de Catalunya.
Aínda que durante a segunda volta Alberdi daba a impresión de correr con moita seguridade e de que Cullell podía ameazar a Feijoo, o certo é que o ciclista do Maceda ía a máis e por meta pasaba a apenas 9” da cabeza.
Con todo, o vasco volveu abrir oco e a falta de dúas voltas a diferenza entre ambos volvía aumentar, ata os 25”, co catalán a máis dun minuto. A situación mantíñase nas dúas voltas finais para que Alberdi impuxésese con 33” sobre Feijoo e 1:30 sobre Cullell.
O alaricano acabou moi satisfeito coa prata porque “é o meu primeiro ano na categoría e Alberdi tiña hoxe mellores pernas que eu. Rodouse moi rápido desde o principio nun circuíto moi embarrado. Cometín un erro e Alberdi aproveitouno para marcharse. Despois, tenteino ata o final, pero resultou imposible”.
Os outros corredores da Selección de Galicia nesta carreira foron Pablo Álvarez (18º), Abel Franco (28º) e Roman Saa (31º).
Canal, quinto
Preto de conseguir medalla quedou Carlos Canal na competición cadete masculina. Vinte segundos separaron ao ciclista do Maceda da terceira posición. Terminou quinto nunha carreira dominada polo cántabro Gonzalo Iguanzo. Adrián Barros (15º), Mario Fernández (16º) e Adrián Giráldez (21º) completaron a participación da Selección de Galicia.
Por último, a proba Elite puxo o punto final á gran cita anual do ciclocross estatal. O vasco Javier Ruiz de Larrinaga proclamouse por quinta vez campión de España. Mauro González (21º) e Darío Otero (23º), os dous corredores que vestiron a camisola da Selección de Galicia, quedaron lonxe da loita polos primeiros postos. Cabe destacar a décima praza asinada por Paulo González, que participou defendendo as cores do Salvaterra.
Despois de tres xornadas de competición, o combinado galego regresou de terras cántabras con tres medallas de prata e con nove prazas entre os dez primeiros. As posicións de honra foron un cuarto posto protagonizado polo equipo da carreira Team Relay; dous quintos co sub 23 Samuel González e o cadete Carlos Canal; un sexto de Adrian Valverde en sub-23; un sétimo da cadete Carla Fernández; un oitavo de Sara Trigo en junior; un noveno da cadete Antía Martínez; e dous décimos en con Zaida González, en junior, e de Desirée Duarte, en Elite.