Segundo informou a particular que chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda, o varón precipitárase dende un sexto piso a un patio de luces. Unha vez informados os servizos sanitarios de urxencia, indicaron que a persoa non estaba accesible, polo que o persoal do 112 Galicia requiriu a presenza dos Bombeiros do Morrazo. Finalmente, non foi necesaria a súa intervención, xa que os efectivos de Protección Civil de Cangas conseguiron acceder ao home e rescatalo.
Así, os técnicos sanitarios só puideron confirmar o falecemento. Polo momento, descoñécense as causas do suceso, que ocorreu na rúa Concepción Arenal da vila canguesa. O CAE 112 Galicia tivo constancia do suceso ao fío das 17:00 horas de hoxe e, de seguido, púxoo en coñecemento de Urxencias Médicas, efectivos do parque comarcal de O Morrazo, Protección Civil e forzas da orde.