Chegou co tempo cumprido, cando moitos xa daban por certo que, unha semana máis, o regreso do Blusens Vigo Rugby sería sen unha vitoria na maleta. Como nos últimos meses, como era o habitual antes da acción culminada por Valentín Gutiérrez. Soamente un ensaio máis, pero todo un ensaio que rachaba unha xeira negativa que se estendía ó longo de 19 meses. Dende o 13 de abril de 2014, a formación viguesa non era capaz de gañar lonxe das Lagoas.
Curiosamente e contra todo prognóstico, a vitoria chegou fóra de tempo e nunha das mellores xogadas dos últimos anos do equipo de Norm Maxwell. A posesión, case sen opcións, comezou a cinco metros da liña de ensaio da propia formación viguesa. E, así, fase tras fase, pase tras pase, uns minutos despois aconteceu o milagre e a vitoria. As contas, igual un pouco esaxeradas ou non, falan de vinte fases distintas e sesenta pases para chegar dun lugar do campo ó outro. Parece que non foi cuestión de sorte ou unha escapada casual. Foi todo un traballo colectivo, unha acción para a lenda que chegou tras un partido malo. Non foi a tarde dos vigueses salvo neses últimos minutos. A inspiración tardou en chegar, pero chegou a tempo para coller os xogadores no campo, por pouco.
«Empezamos cunha melé e ó final eles estaban moi desordenados tras catro minutos de ataque», indicou o capitán do equipo Vicente Prieto ‘Tito’, que recoñeceu que «nalgunhas fases fomos cara atrás, tamén estabamos cansos, pero rematados co ensaio. Dende Sevilla non gañabamos fóra». E aquel partido en Andalucía foi hai un ano e nove meses e despois de dezaseis derrotas seguidas como visitante ata o pasado domingo. Valentín Gutiérrez, o autor do ensaio, calificouno como «épico».
Outro dato, en Sevilla, ante o Cajasol, o equipo vigués gañou por 36-40 e aquel partido serviu para evitar o descenso a División de Honra B. Despois salvaría a categoría na promoción, pero pasou toda unha tempada sen triunfos lonxe de Vigo e chegou a segunda categoría. Tiveron que completarse seis enfrontamentos no segundo chanzo do balón oval de España para acadar a vitoria. Algunhas derrotas foron axustadas, outras avultadas e outras moitas profundas. Pouco a pouco a lista alongouse ata un domingo en Pamplona ante o Peña La Única. Alí, saíu o oval dunha melé no minuto 76 e rematou catro minutos despois no extremo contrario do campo cunha apoio da vitoria. Ledicia xeral.