Outras andainas televisivas levárona por gran parte da xeografía galega da man, e micro, de programas como Vaia Troula ou Aquí Galicia, nos que se mergullou na tradición oral e musical das nosas vilas. Actualmente traballa como guionista para a canle galega. Galaxia publicou o se libro «Águeda e o misterio dos calcetíns».
SINOPSE
Águeda é unha rapaza ben particular. E está a piques de comezar unha aventura inesperada cando se ve obrigada a deixar a comodidade da vida na cidade para marchar cara un mundo máis «rural» que, en principio, semella que non lle apetece moito coñecer. Acompañada polo seu fiel can Pitelos e guiada pola sabedoría do seu avó, a rapariga urbanita aventurarase nun misterio que trae de cabeza a todos os nenos da aldea.
De onde partiu a idea deste libro?
O do gusto por xogar cas palabras xa me vén de picariña; as miñas mochilas sempre gardaban cadernos cheos de historias. O paso para animarme a escribir un libro foi grazas ao alento dun profesor da facultade: o escritor Neira Cruz. Cando rematei Xornalismo, el comentoume que lle gustaba o meu xeito de plasmar historias e animoume a concretar as ideas que aniñaban en min nun proxecto real. Que un profesor e autor tan recoñecido como Neira Cruz me dixera tal, foi ese empurronciño que a falta de autoestima tantas veces nos frea. Marchei a Londres onde traballei como au pair, e durante esta estadía foi cando lle din forma a unha historia para nenos. Non me atrevía a envialo a ninguén, pero xusto un 31 de decembro, neses momentos nos que repasas as contas pendentes contigo mesmo, enviei a Águeda e o seu misterio á Editorial Galaxia. E conta saldada.
Qué papel desempeñan o avó e o can Pitelos? Teñen algún trasfondo pedagóxico?
A relación afectiva que se establece entre Xermán e Águeda é dunha gran complicidade, onde avó e neta gozan desa conexión especial na que unha mirada basta para entenderse. O vello ensínalle a Águeda todos os misterios do seu mundo,o rural, e ela, sedenta de aventuras e de sorpresas, é unha espelida alumna. Hai un claro respecto mutuo no que a nena contáxiase da retranca dun home que ri entre dentes gastados pola loita da vida. Os dous comparten o tesouro do agarimo. E non podo negar que nisto, vertín moito dos meus propios sentimentos e recordos. De feito, o libro está dedicado aos meus avós. Existe unha clara mensaxe de respecto cara aos nosos maiores, grandes tesoureiros da nosa cultura. Ademais trátanse temas como o alzheimer dende unha perspectiva inocente pero non pueril .
A personaxe do can Pitelos evoluciona de xeito paralelo a da súa dona. Águeda e a súa mascota son dous urbanitas que teñen que descubrir a vida da aldea. O seu fiel compañeiro non a vai abandonar, é ese mellor amigo de catro patas que moitos de nós tivemos na infancia.
Qué diferenzas existen entre a forma de xogar entre os rapaces do rural e da urbe?
A imaxinación dos nenos é tal que poden converter un vimbio nunha espada de matar dragóns. E isto é así en todas partes. O que cambia é a maneira de relacionarse. No rural, os nenos viven nunha comunidade onde todos os veciños lles chaman polo nome, onde os amigos son o da casa do lado e onde descobren que as galiñas non voan, non porque llo digan na escola, se non porque este feito forma parte da súa vida. E isto é moi diferente na vida dos nenos das urbes
Pensas que hai suficiente literatura en galego para nenos?
En galego hai literatura infantil, moita e boa. No 2014 a edición en Galicia medraba por primeira vez despois de catro anos. Neste marco, a creación literaria en galego foi a que máis títulos reuniu, saíndo máis de 300 títulos de literatura infantil e xuvenil.
Estás a traballar noutro proxecto?
A idea dunha segunda argallada de Águeda e dos seus amigos levaba tempo pululando pola miña cabeza, e xa me formigueaban algo as mans botando de menos o de sentarme a escribir… Unha segunda aventura de Águeda xa está a tomar corpo
Onde podemos atopar o teu libro?
“Águeda e o misterio dos calcetíns” está dispoñible na maior parte das librerías galegas, así como tamén, se pode atopar na páxina web da Editorial Galaxia.