A principal actividade que se leva a cabo nas bibliotecas do Chuvi é, sen dúbida, a consulta de artigos ou publicacións. Durante o ano pasado rexistráronse 7.000 peticións de consultas. A do Hospital Álvaro Cunqueiro, situada fisicamente no vestíbulo de entrada do centro, tivo 5.000 solicitudes, mentres que a do Meixoeiro contabilizou algo máis de 2.000. As consultas producíronse tanto por parte de persoal sanitario da área de Vigo como doutros lugares de Galicia e de España.
No Álvaro Cunqueiro a cifra de solicitudes desagrégase do seguinte xeito: 1.762 referidas a fondos propios, outras 1.530 que se realizaron desde o hospital a outras bibliotecas e 1.684 que foron peticións que se produciron desde fóra da área sanitaria de Vigo. No Meixoeiro, a maior actividade foi con documentos internos, 771, e rexistráronse 694 peticións de referencias externas.
A responsable da biblioteca do HAC, Yolanda Sanmartín, que cumpre 20 anos á fronte da mesma —anteriormente estaba no Hospital Xeral— considera que “o traballo que realizamos é importante desde o punto de vista de apoio a consultas relacionadas con investigación, tanto de persoal da nosa área como do resto de Galicia e de España, que se interesa polos fondos dos que dispoñemos”.
O horario da biblioteca do HAC, na que existen puntos de lectura presencial, é amplo para dar a posibilidade de que se poidan consultar in situ en quendas de mañá e tarde. Está á disposición dos usuarios entre as 8 e as 21 horas, segundo explica a súa responsable, Yolanda Sanmartín.
Colaboración con outras bibliotecas
O Álvaro Cunqueiro dispón dun catálogo dixital aberto, a través do programa C-17, que permite a interconexión con bibliotecas de todos os hospitais de Galicia e de España, así como coas principais bibliotecas do país.
“Isto permítenos tanto realizar consultas desde aquí a fondos doutras importantes bibliotecas como que desde cada unha delas tamén pregunten e soliciten información do que temos nós”, resalta Yolanda Sanmartín.
O sistema de funcionamento posibilita que as peticións tanto para fondos de aquí como de fóra se poidan escanear e enviárselle ao solicitante ao seu correo electrónico.
O Álvaro Cunqueiro e o Meixoeiro están, do mesmo xeito que o resto dos hospitais públicos galegos, en Bibliosaúde, a biblioteca virtual sanitaria de Galicia. Posibilita o acceso dixital a todos os fondos de que dispón o Sergas e para cuxa coordinación se levan a cabo reunións mensuais en Santiago dos responsables de cada unha destas bibliotecas. Os usuarios da área de Vigo poden consultar desde fóra dos hospitais os fondos que están na bases de datos introducindo un contrasinal de acceso.
Catalogacións
As traballadoras das bibliotecas, dúas auxiliares no Álvaro Cunqueiro e outro máis no Meixoeiro, encárganse, ademais, de realizar as catalogacións das doazóns que chegan do exterior. Mediante a ferramenta informática “Bico”, que é unha base de datos na que se reflicten todas as monografías ou publicacións periódicas que existen na rede sanitaria de Galicia.
Outra ferramenta informática, “Sophos”, permite coñecer a produción científica que se realiza por parte dos profesionais do Sergas. No Álvaro Cunqueiro catalóganse e inclúense nas bases de datos todas as publicacións de relevancia que se producen na EOXI de Vigo, un traballo no que tamén participa a biblioteca do Hospital do Meixoeiro, que se fixo cargo do material que había no Nicolás Peña.
Esta aplicación permite consultar artigos, comprobar os impactos dos mesmos, determinar os autores que máis publican, revistas onde se realizan máis publicacións, saber por servizos cales son os que teñen unha maior produción, etcétera.
Entre 2011 e 2014 incluíronse mediante esta ferramenta case mil publicacións ou comunicacións realizadas polos profesionais ou servizos da EOXI. “Neste sistema introducimos os artigos, publicacións, comunicacións ou traballos que teñen unha repercusión importante, tanto a nivel nacional como internacional”, explica Sanmartín.
Formación
As bibliotecas organizan ao longo do ano diversos cursos de formación dirixidos ao persoal sanitario que traballa tanto no hospital como nos centros de atención primaria. No último ano realizaron 53 cursos nos que houbo 336 participantes. Están orientados a novos residentes, persoal médico e de enfermería, tanto dos hospitais como dos centros de Atención Primaria.
Os cursos perseguen mellorar a formación en todo o referido ao manexo de bases de datos e de métodos de consulta para investigacións científicas e clínicas. É dicir, como xestionar determinadas buscas, os tipos de ferramentas informáticas máis apropiados para cada consulta, etcétera. “O labor formativo é moi importante para nós”, afirma Yolanda Sanmartín.