A cousa é que a aposta con Pepe estás a punto de perdela e o liderado do grupo (ou evitar ser o pechacancelas) está a escaparse. A gripe pode supoñer perder a aposta e que o camareiro Manolo repita por quinto ano seguido: «Xoán que, outro ano toca pagar a cea…»
A cousa vai polo camiño, pero aínda pódese solucionar. O primeiro paso é aclarar se tes unha gripe ou a cousa queda nun arrefriado forte. Cando aparece unha quentura o mellor e parar e repousar un par de días ata que baixe a temperatura corporal. Principalmente porque, ter febre tamén pode supoñer padecer unha miocardite. Pasa en moi poucos caso pero, claro, non queremos rematar nun cadaleito nin en urxencias…
A cousa é que de superar os 38 graos de temperatura, meterse na cama e deixarse de experimentos. Unha vez pasado o primeiro tirón, haberá que ter paciencia. Tanto se tes un arrefriado forte como se saes dunha gripe comezaremos moi amodiño, con adestramentos moi suaves, de baixo ritmo e sen pasar frío. Podemos optar por algunha sesión a cuberto onde potenciemos a forza-resistencia. Exercicios de gomas, sentadiñas ou pesas con pouco peso e moitas repeticións. Unhas vintecinco ou trinta. Pero claro, aquí de ximnasio entendemos pouco…
Se imos a correr, suave, suar moito e non durmirse nos estiramentos para evitar recaídas. Meterse con lixeireza na ducha e rematar baixo o agua os exercicios. E, sobre todo, ir amodiño. Non é cousa de capricho. Habitualmente, as gripes e os arrefriados chegan no mellor momento de forma para os profesionais. Nós somos afeccionados e algúns malos, así que momentos de forma… O certo e que, se pasamos unha gripe ou un arrefriado forte é preciso non forzar nas primeiras sesións.
O efecto é sinxelo de explicar. Se saímos dunha enfermidade ó lóxico é que o corpo teña as defensas baixas, ademais de restos de bacterias ou o que sexa. Se apuras de máis e metes sesións de moito esforzo, o que podes atopar é un efecto rebote, baixar as defensas e padecer unha recaída moi inoportuna e que estrague os plans de xeito definitivo. Un perigo real. Se optas pola moderación, suar axuda á eliminación de toxinas e, polo tanto, a saír da enfermidade.
Amizade da alimentación e da sauna
No capítulo de nutrición, dicir que o normal é ter algo de dor de gorxa, polo que unha boa sopa sempre é recomendable. No tema específico, falamos do habitual que todo o mundo recomenda como os zumes, especialmente de laranxa e tamén de mandarina. A isto imos axudarlle con cousas destas raras recomendación de Mariana da Noite. Fala dun clásico como a mel combinada con dúas infusións. A primeira delas e de xenxibre, que se pode atopar sen problemas na froitaría. A segunda é se xuntas equinácea cos dous elementos anteriores. Ó parecer, combínanse moitos elementos favorables.
Por outra banda está a sauna, máis coñecida que a equinácea. Non é un vexetal, iso está claro, é débese utilizar con moderación. Igual que en consellos anteriores, non usar se estamos en situación de quentura. Se o problema limítase a un arrefriado común pasar polo calor húmido parece que senta mellor ás persoas que as bacterias.
Por último, engadir que, ademais de ir amodiño tamén é aconsellable o de tapadiño. Luvas, gorriño e tapar a gorxa tamén poden resultar chaves. E xa se sabe, se estás de baixa no traballo, corre lonxe do traballo ou no monte coa compaña dos paxaros, que o de explicar que suar é bo igual o xefe non o entende moi ben… Isto igual non inflúe na recuperación, pero no peto…