Haberá os que intenten gañar, os que queiran ir o máis rápido posible, pero a recomendación é saír a estas dúas probas a gozar de dous dos lugares con máis maxia da área metropolitana de Vigo. As dúas teñen vistas, teñen granito, teñen toxo, teñen carballos, teñen sendeiros de pé, pistas e camiños. É correr polo corazón galego, dende o mirador oficial dos vigueses da Ría de Vigo ata a Galicia máis rural e profunda a unha decena de quilómetros da costa.
Trail Serra do Galiñeiro
O trail da Serra do Galiñeiro ten a versión longa (21 quilómetros) e a curta (11). Para os expertos deixaremos a longa, que temos que recoñecer que é a máis espectacular, pero para que temos que estar nun nivel alto de preparación física. A distancia é a dunha media maratón pero o desnivel positivo acumulado marcha ós 950 metros. Iso si, inclúe facer todo o percorrido pola crista granítica do Galiñeiro. Igual uns dous quilómetros entre pedras, buratos e vistas de case toda a Ría de Vigo e comarcas da área metropolitana.
Acceso al recorrido de 2015. Inscricións aqui.
Para os que non queremos morrer no intento quedarán os once quilómetros do mini trail con terreo ascendente polo medio do bosque na primeira parte e un descenso continuo e con interrupcións para a segunda. Tamén chegaremos ó cumio e pasaremos por lugares de piñeiros, outros de carballos, algúns regatos. Un percorrido no que se concentra toda a paisaxe galega cos seus cambios de altitude e no que se chega o alto da Serra do Galiñeiro, que está en Gondomar, pero que todo o mundo sabe que é a montaña dos vigueses.
Trail Montes da Ermida
Pola súa banda, o trail Montes da Ermida (20 de marzo) é unha viaxe a Galicia rural, ó puro monte galego. O inicio está na parroquia da Ermida en Pazos de Borbén, que é unha aldea dunhas vinte casas con igrexa o seu correspondente camposanto e algúns canastos. Pode parecer lonxe, pero é a 25 quilómetros e unha media hora de Vigo.
A partir de aí son 19 quilómetros polo monte. Puro e absoluto monte. Haberá un tramo por entre as xestas, outro entre os toxos, tamén pistas de terra pola zona da traída do auga. Un ascenso ata o cumio dunha das lombas do lugar. Pasáranse regatos, pequenas fervernzas, pistas forestais, camiños de pé e haberá vistas sobre o canón do río Oitavén, tamén sobre o val de Aranza. Este percorrido ten o atractivo de que o corredor terá moitos e moitos metros sen vestixio de humanidade. É moito máis probable atopar cabalos, coellos e porcos bravos que persoas.
En canto a dificultade técnica, o trail Montes da Ermida consta de 19 quilómetros, pero menor dificultade técnica e de desnivel que o Galiñeiro. Na súa maior parte os corredores poderán correr a maior ou menor ritmo e as dificultades están na primeira metade, cun ascenso máis ou menos constante. O que escasea e o asfalto, na saída na chegada e pouco máis. Porque esta carreira é para meterse en pleno monte durante moito, moito tempo.
Acceso al recorrido de 2015. Inscricións aquí.
Galiñeiro e Montes da Ermida son dúas citas seguidas de marzo para gozar de probas diferentes. Se pensas en deixar un pouco apartado o asfalto ou se estás acumulando quilómetros para a Vig-Bay, podes rachar a rutina coas probas polo monte. Esquece o cronómetro e goza de competicións privilexiadas, de percorridos coa súa dureza para saborear e encher os pulmóns con aire puro. Outra forma de correr, máis lenta, pero chea de matices.
*Os percorridos son os de 2015, os deste ano son semellantes.