Ano tras ano, o equipo coruñés e o céltico loitan por ser o mellor equipo de Galicia. En moitas ocasións, esta honra significa levarse o título ligueiro ou a clasificación para a Copa do Rei. Este ano non é así porque as dúas entidades están nun mal ano, inmersos nunha colleita de menor calidade que en cursos anteriores. Aínda así, a honra é a honra e tamén é a motivación que teñen célticos e branquiazuis ata o final de curso.
A táboa indica que o equipo de David de Dios é quinto cun punto menos que o Deportivo, cuarto. Polo tanto, o que gañe este sábado na Madroa ten moitas posibilidades de rematar por diante do rival. Se o fai o equipo coruñés, deixaría practicamente resolta a cuestión, se o fai o vigués, tomaría unha vantaxe considerable porque tamén ten o seu favor o ‘gol-average’.
No enfrontamento da primeira volta, o equipo celeste gañou pola mínima en Abegondo (0-1) e quere repetir resultado. Nacho Lorenzo, un habitual, regresa ó equipo e tamén o fai o dianteiro José Sobrido. Pola súa banda, Blas, Quique Fornos, Josiño e Jardel non xogarán o partido co Deportivo. A honra das canteiras está en xogo na Madroa a primeira hora da tarde. Quecemento para o partido entre maiores en horario nocturno. Un sábado de fútbol de rivalidade galega completo.