O recital, composto por obras de Erno Dohnanyi, Listz e Ligetti, terá lugar ás 20.30 h no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13). As entradas pódense adquirir mediante as canles habituais de comercialización de espectáculos da entidade: a web Ataquilla.com e o teléfono 902 504 500. Ademais, á parte da política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que supón unha rebaixa adicional dun 10 % no prezo das entradas, este concerto enmárcase dentro do programa «Quedamos non palco, quedamos coa clásica» co que se pon a disposición dos centros educativos de ESO e bacharelato entradas gratuítas. Os centros poden solicitalas no teléfono 988 391 746 ou no correo quedamosnopalco@afundacion.org. O mesmo programa tamén ofrece entradas con desconto para os menores de 35 anos media hora antes de cada concerto no despacho de billetes do teatro.
OTTO TAUSK
Traballou coas máis importantes orquestras. Como director musical da Orquestra Sinfónica e o Teatro da Ópera de San Gallen, impulsou aos seus músicos e cantantes a niveis impresionantes, o que lle valeu a aclamación do público e a crítica. Personalidade musical moi respectada na súa Holanda natal, a habilidade e o coñecemento imbuído da enerxía e o carisma que transmite entre os seus músicos é totalmente contaxioso.
NIKOLAI DEMIDENKO
É recoñecido polas súas interpretacións do repertorio ruso, e goza dun recoñecemento mundial polo seu virtuosismo, paixón e musicalidade. En 2014 recibiu un doutoramento honorífico da Universidade de Surrey pola súa achega á música e á universidade.
ORQUESTA SINFÓNICA DE GALICIA
Creada en 1992 polo Concello da Coruña e con sede no seu Palacio da Ópera, a Orquesta Sinfónica de Galicia (osg) é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España.
A osg, cuxo director titular desde a tempada 2013-2014 é Dima Slobodeniouk e Víctor Pablo Pérez o seu director honorario, foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación no 1998. Ademais, realizou varias xiras por Alemaña e Austria e ofreceu concertos nas mellores salas e ciclos de concertos españois. No 2007 realizou a súa primeira xira por América do Sur, con concertos en Chile, A Arxentina, O Brasil, O Uruguai e Montevideo e cara aos últimos meses do 2009 presentouse na histórica sala do Musikverein de Viena.
Conta habitualmente con solistas como Anne-Sophie Mutter, Maurizio Pollini, Krystian Zimerman, Gil Shaham, Sarah Chang, Grigory Sokolov, Leonidas Kavakos, Arcadi Volodos, Maria João Pires, F. P. Zimmermann, Mischa Maisky ou Christian Lindberg. Con ela cantaron Alfredo Kraus, Teresa Berganza, Plácido Domingo, María Bayo, Ainhoa Arteta, Juan Diego Flórez, Simon Estes, Mirella Freni, Ann Murray, Amanda Roocroft, Ildar Abdrazakov, Hildegard Behrens, Eva Marton, Giuseppe Giacomini, Philip Langridge, Carlos Chausson, Raúl Giménez, Isabel Rey, Carlos Álvarez, Ana María Sánchez ou Giuseppe Sabbatini, entre outros, sempre baixo a batuta de mestres coma Lorin Maazel, Daniel Harding, Guennadi Rozdestvenski, Maurizio Pollini, James Judd, Jean-Pascal Tortelier, Stanislaw Skrowaczeski, Libor Pesek, Peter Maag, Jesús López Cobos, Osmo Vänskä, Alberto Zedda, Emmanuel Krivine, Yoav Talmi, Raymond Leppard, Gabriel Chmura, Jean-Jacques Kantorow, Josep Pons, John Nelson, Gianandrea Noseda, Ron Goodwin ou Manfred Honeck.
Na súa discografía, para selos como emi, decca, Koch, Naïve, bmg e Arts, figuran nomes como Juan Diego Flórez, Kaori Muraji, Peter Maag, Antonio Meneses, María Bayo, Plácido Domingo, Juan Pons, Ewa Podles ou Manuel Barrueco —con quen foi nomeada ao Grammy 2007 polo mellor álbum clásico do ano—.
A OSG foi premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes e foi Premio Cultura Galega da Música no ano 2010. A osg está financiada polo Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.