A infraestrutura ten como finalizade constituírse como unha referencia para o sector aeroespacial en Galicia e, por extensión, en todo o norte de España. O orzamento do centro alcanzou ós 5.423.991 euros e o prazo de execución da obra foi de 20 meses. En total dispón de 6.400 metros cadrados que están destinados a albergar a Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (CINAE), un viveiro de empresas e tamén poder ser sede das distintas firmas privadas do sector, que atopen en Porto do Molle o lugar adecuado para a súa actividade.
A edificación está situada na área Tecnolóxica, sobre unha parcela de 4.845 metros, que limita co viario principal de entrada e coa zona verde do río. Composto por dous módulos lonxitudinais, paralelos entre si, de baixo máis tres alturas no bloque á rúa e baixo máis dúas alturas no bloque que dá ao río este edifico ten a capacidade de adaptarse con facilidade a distintos programas funcionais. Os seus 6.392 metros cadrados levantáronse seguindo medidas de control ambiental durante a fase de obra e proxectáronse con criterios de sustentabilidade ambiental tales como a instalación de geotermia con bomba de calor -o que permite conseguir uns aforros de ata o 80 por cento en climatización- recuperación de augas grises para as regas, illamentos con fibras naturais etc. Estas medidas, que van moito máis alá do esixido por Lei, valéronlle para conseguir cualificarse co selo BREEAM de boas prácticas ambientais.
O alcalde de Nigrán, Juan González, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encabezaron o acto de presentación do edificio. O rexedor nigranense destacou que «a tecnoloxía e a innovación son os principais motores deste polígono», ubicado no municipio. «Hoxe é unha festa para Nigrán, sobre todo, para os empresarios e investigadores que vades consolidar esta iniciativa», declarou, para engadir que auguraba «mil primaveras máis a Porto do Molle».
Ao acto tamén asistiron a subsecretaria de Facenda e Administracións Públicas, Pilar Platero; a delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa; o alcalde de Vigo e presidente do Pleno do Consorcio da Zona Franca, Abel Caballero, a vogal representante do Consorcio da Zona Franca, Carmela Silva, así como o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, entre outras autoridades.