O alcalde informou este venres da posta en funcionamento das escolas infantís municipais de Navia e Mestre Goldar, logo da sinatura dos contratos coas empresas adxudicatarias, que xa se puxeron en contacto coas familias dos nenos para comezar o período de adaptación.
Deste xeito, Vigo dispón agora de 8 centros infantís municipais, o que supón que o goberno local «duplica as prazas de escolas infantís subvencionadas desta forma tan notable». «Fixemos máis prazas desde que eu son alcalde que en toda a historia da cidade», apuntou Abel Caballero antes de engadir que a intención do Concello é continuar coa política de dotación servizos á cidadanía.
Ademais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde este venres ao expediente de adxudicación da contratación do servizo para a xestión da Escola Infantil Municipal de Santa Marta–Casco Vello que está a piques de caducar e que terá unha duración de catro anos con dúas prórrogas eventuais de un ano.
O Concello achega unha subvención de 214.000 euros ao ano, un apoio municipal que salienta Abel Caballero, tanto neste centro como no resto dos da cidade, cos que o goberno local quere axudar ás familias a «compatibilizar a vida familiar e laboral e darlles facilidades para que poidan desenvolver proxectos vitais».
Segundo o rexedor, a axuda municipal supón o financiamento de «case o 80% do custo total da escola infantil e a metade dos que acoden a ela téñena completamente gratuíta; pagan cero euros. Queremos que as familias de poucos recursos poidan optar a levar aos seus nenos ás escolas infantís públicas».
Oferta de emprego público 2016
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a oferta de Emprego Público 2016 que inclúe 58 prazas, das que 41 son de persoal funcionario e 17 de persoal laboral, amais do 5% que queda reservado ás persoas con discapacidade. Segundo explicou o rexedor, agora ábrese o procedemento e o período de instancias para optar a esta convocatoria.
Xerencia de Urbanismo
Este venres, a Xerencia de Urbanismo aprobou as 140 axudas solicitadas para as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) para un total de 81 vivendas no Casco Vello, 23 en Bouzas, 6 en Santa Clara e 30 na zona de Bueu-Moaña. Segundo informou o alcalde, a axuda máxima por reforma ten un límite de 11.000 euros por vivenda e 30.000 para a construción das que foron demolidas. Para o programa, o Concello achega 786.000 euros para «seguir así no proxecto de rehabilitación de espazos históricos na cidade».