O cartel da competición así o indica co lema de «Novo circuito máis accesible». Esta é a principal novidade da proba que pasa a desenvolverse cun trazado de 3.300 metros ó que haberá que dar tres voltas. Aínda queda algunha subida, pero elimínase o desnivel por detrás do edificio Miralles cara a rotonda, a principal dificultade da carreira. A carreira de 10 quilómetros é a puntuable para o certame Run Run Vigo, antes coñecido como Circuito de Carreiras Populares. Non obstante, os que así o desexen poderán optar pola proba curta de 6,6 quilómetros.
A cita é o vindeiro domingo 24 de abril e a organización espera acadar, aproximadamente, 800 atletas no campus de As Lagoas-Marcosende. Na actualidade están anotadas 118 personas na carreira longa e 22 na de 6,6 quilómetros. O prazo para anotarse, a través da plataforma Championchipnorte, remata o vindeiro martes 19 de abril á medianoite. O prezo ascende ós 7 euros. A organización agasalla cunha camisola conmemorativa, haberá sorteos entre os participantes e tamén premios para os máis rápidos. Os tres primeiros de cada categoría recibirán 400, 300 e 200 euros, respectivamente.
Unha andaina polo monte
Por outra banda, a Happy Go Running aproveita a ubicación do campus das Lagoas para organizar de xeito paralela unha andaina (3 euros) polos montes da zona. Esta actividade comezará ás 9:30 da mañá e está indicada para todos aqueles que desexen pasar unha xornada deportiva, en contacto coa natureza, pero sen as présas da competición. O lugar polo que transcorre é de auténtico monte galego.