O documento recolle un conxunto de medidas a prol da mellora dos valores naturais e paisaxísticos deste sistema dunar, incluído tamén no Inventario de Sistemas Dunares de España da Dirección Xeral de Costas. Estas actuacións forman parte do proceso de planificación previo esixido para acadar os obxectivos fixados neste espazo, así como para a xestión dos recursos naturais do ENIL.
O texto establece así o réxime de usos e actividades permitidas, ademais das limitacións necesarias para a conservación do ecosistema dunar de Praia América e Panxón, de titularidade pública, nos ámbitos da investigación, formación, educación, sensibilización social e desenvolvemento sustentable.
Este ecosistema sufriu durante décadas o efecto do desenvolvemento urbano e turístico, que afectou e modificou as condicións de equilibrio da zona. Alterouse a dinámica sedimentaria costeira debido á construción de infraestruturas como o espigón do porto e o paseo de Panxón ou á extracción de area para a construción.
Entre as medidas de conservación dunar caben destacar a prohibición de extraer area, verter cascallos e outros materiais de refugallo ou a retirada da vexetación das dunas. No caso da fauna, dada a vulnerabilidade do chorlitexo patinegro, unha das especies máis emblemáticas dos areais, contémplase a protección das zonas de cría e invernada e o incremento do seu éxito reprodutivo.
O Plan de Conservación Ecosistema Dunar Praia América-Panxón non recolle ningunha actuación na desembocadura do río Muíños para evitar a erosión producida polas augas do seu curso, ao considerarse que a formación de diques ou outras estruturas artificiais só contribuirán a acrecentar o deterioro do sistema dunar e do proprio areal.
O alcalde de Nigrán, Juan González, celebrou que “tanto os técnicos que redactaron o Plan de Conservación do Ecosistema Dunar como o equipo multidisciplinar que realizou o proxecto de recuperación integral do río Muíños, coincidan na necesidade de actuar ao longo da súa canle e non se decanten pola construción de novas solucións artificiais que poden acabar prexudicando gravemente o ecosistema”.