O duelo comezou cun ritmo trepidante por parte de ambos os equipos, con Prosetecnisa Zuazo buscando a Ainhoa Hernández e Porriño aproveitando o acerto de Sarai Samartín. A pesar das boas intervencións de Merche Castellanos, Zuazo cometeu varias imprecisións consecutivas ao tentar contestar á velocidade do anfitrión e a súa desvantaxe foise a tres goles ao superar os primeiros dez minutos de xogo (4:7).
O acerto de Soraia Lopes desde os 7 metros obrigaría a Sergio Barcenilla a deter o partido mentres a afección local crecíase ao mesmo tempo que o facían as súas xogadoras (4:8, min. 12). Tras o tempo morto, Zuazo apertou os dentes en defensa e cortocircuitou a frescura que de inicio tivera o equipo galego para reducir a dous a súa desvantaxe (6:8, min. 18).
As exclusións de Soraia Lopes, primeiro, e Barbara Cerqueira, despois, dificultaron, aínda máis, cada ataque das anfitrioas, que abusaban moitísimo do un contra un ante a súa falta de lanzamento exterior. Mentres en ataque custaba, Susi Sánchez contiña ás vascas, ata que apareceu Laura Steinbach para levar, con dous lanzamentos exteriores consecutivos, a igualada ao marcador (9:9 min. 25). De aí ao descanso, Porriño sobrepúxose a unha nova inferioridade e, da man de Andrea Dapena, cortou a negativa tendencia cun parcial de 0:3 que lles devolvía a vantaxe ao descanso (10:13).
O bo inicio de Alba Dapena e as paradas de Susi Sánchez mantiveron tras o paso por vestiarios a vantaxe, pero Merche Castellanos contestou desde a súa portería e Zuazo reduciu a diferenza. Ata tres balóns consecutivos tivo o equipo de Barcenilla para empatar, pero non os aproveitou e Cerqueira deu aire ás súas (14:16, min. 41). Perdoara Zuazo, e perdoaría despois Porriño, incapaz de aproveitar a superioridade tras a exclusión de Ainhoa Azaola. Desperdiciou os seus dous claros lanzamentos en superioridade e todo seguiu igual cando Barcenilla solicitou tempo morto para dar ás súas a calma que necesitaba o duelo (15:17, min. 44). Intercambio de goles e golpes e forzas moi xustas nun e outro conxunto mentres o crono avanzaba pero as diferenzas mantíñanse (17:19, min. 50).
Tal e como ocorrera no tramo final da primeira parte, Laura Steinbach comezou a atopar menor oposición na defensa galega e sacou todo o potencial do seu brazo. Mentres tanto, Merche baixo paus continuaba mantendo os seus grandes números. E tras moitas oportunidades desperdiciadas, o empate chegou para Zuazo. O tempo morto local era obrigado (19:19 min. 22).
Dous goles máis de Steinbach parecían dar a puntilla 22:20 (min. 58), pero Porriño apelou á heroica e, tras colocarse a un tanto grazas a Soraia Lopes, aproveitou a falta en ataque rival para ter un último ataque de 15 segundos que podería levar o duelo á prórroga. O lanzamento final de Soraia Lopes sobre a bucina archouse desviado e Zuazo puido celebrar o pase á gran final.
Prosetecnisa Zuazo (10:12): Nerea Elicegui, Estíbaliz Velasco, Jéssica Nogales (3), Ainhoa Hernández (5), Oihane Manrique, Oihane Gil (3), Maialen Agirregomezkorta, Izaskun Mujika (1), Ainhoa Azaola, Alexandra Gil, Maddi Aalla, Laura Steinbach (10), Ángela Martín, Mercedes Castellanos, Nayla de Andrés, Verónica Berastain.
Balonmano Porriño (13+9): Sandra Costas, Lorena Pérez (1), Barbara Cerqueira (1), Sara Gil de la Vega (4), Andrea Orsolya, Cecilia Cacheda, María Asunción Sánchez, Soraia Lopes (4), Emma Prieto, Andrea Dapena (3), Alba Dapena (2), Gemma Martínez, Sarai Samartín (5), Nekane Terés (1), Carla Rivas, Iris Sanjuan.
Marcador: 3:4, 4:7, 5:8, 6:9, 9:9, 10:13 (descanso), 11:14, 14:15, 15:17, 17:19, 20:19 e 22:21 (final).