Abril, un mes de primavera por excelencia, resultou unha pequena tortura para o ciclista de Moaña. Tras un bo inicio de campaña, a enfermidade deixouno algo débil e tamén padeceu o efecto das alerxias. Non obstante, o Delko Marseille non anda para desbotar recursos e o do Morrazo correu moito e en probas que non eran as máis apropiadas para ás súas características. Aínda así, cumpriu no deportivo porque o equipo o tiña sempre entre as súas preferencias para facer a aliñación.
Deste xeito, Delio Fernández descubriu a Fleche Wallone, unha das grandes clásicas das Ardenas, e recoñece que «foi un día primaveral absoluto e as sensacións non foron boas, pero rematei». Ademais, explica que «o que fai especial ás carreiras é a xente, na Flecha había moita e aquí tamén hai moita. Son moi afeccionados e incluso hoxe (antes de comezar os 4 Días de Dunquerke) había xente na porta do hotel para esperarnos».
O moañés está no norte de Francia «onde hai moita paixón polo ciclismo». Tamén haina en Bélxica e amósase en detalles. «Os nenos fan colección de cromos e postais. O outro día atopeime con un que tiña unha da miña etapa no Xacobeo», indicou Delio Fernández. É dicir, case dez anos despois, chegou unha imaxe da súa etapa no desaparecido equipo galego ata Flandes.
Os avións tamén forman parte da rutina do moañés que «levo máis dun mes con competición tódalas semanas». Deste xeito, optou por unha solución práctica, porque «decidín non facer a maleta». Delio Fernández pasou en abril uns dez días no Morrazo e en diversas semanas polo que «xa nin fixen a maleta. Deixeille a roupa ó equipo e viaxo co posto. Non merece a pena». En definitiva, é mellor moverse con poucos elementos entre aeroportos, un lugar demasiado transitado por Delio nas últimas semanas. A roupa xa queda no autobús ou no coche do equipo entre competición e competición.
Un mal mes para un alérxico. O do Morrazo padece de alerxias. É sensible a varias e a máis forte, aínda que non pareza moi real, é a herba. Polo tanto, disputar clásicas con rampas por camiños agrícolas supón estar pegadiño ós prados. Unha fórmula mala para o moañés. Deste xeito, transitou polo mes de abril e tamén o comezo de maio. Tras Dunquenke parará para afrontar o Desafío Delio e preparar a Route du Sud en Francia e a Volta a Austria. Son probas nas que quere estar ben. Cambio de ciclo na tempada.