O Consorcio Provincial de Bombeiros da Deputación de Pontevedra trasladou ata Domaio un total de 10 camións de tres dos catro parques que ten para intentar frear a propagación do lume. Pola súa parte, o parque de Vilagarcía quedou destinado a atender emerxencias que puidesen acontecer durante a xornada. Asemade, o Consorcio Provincial mobilizou a un total de 33 bombeiros que traballaron en quendas ó longo da xornada para poder realizar unha intervención escalonada que garantise a seguridade das persoas encargadas da extinción.
Jorge Correa subliñou que se tratou dun “incendio moi complicado e difícil de controlar desde o principio, xa que se propagou polo falso teito, pasando de nave en nave con gran rapidez debido ós materiais da propia estrutura”. As persoas desprazadas ata Moaña para extinguir o lume de Fandicosta traballaron durante toda a tarde e noite conseguindo, tal e como subliñou o xerente do Consorcio Provincial, “parar o avance do lume e illar a nave máis perigosa”.
No momento en que se produciu o incendio estaban a traballar nas naves de Fandicosta un total de 45 persoas que saíron en perfecto estado de saúde. Pola súa banda, un bombeiro do Consorcio Provincial de Bombeiros tivo que ser atendido polo 061 desprazado ata o lugar por unha lesión muscular.
Neste momento, o Consorcio Provincial de Bombeiros mantén a cinco persoas preparando a liquidación, e procedendo, tal e como subliñou Jorge Correa, “a retirar cascallos e a extinguir un foco activo, pequeno e controlado».
Pola súa banda, a Unidade Operativa de Drones da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) supervisou as instalacións de Fandicosta para comprobar o estado actual da nave, despois do incendio iniciado na tarde dos luns en Moaña.
O 112 informou de que aínda que, a situación está controlada, os servizos de emerxencia continuarán traballando arreo ata lograr a súa completa extinción. A Xunta de Galicia desactivou este martes o Plan de Emerxencias de Galicia (Platerga), no seu nivel 1, e, o Plan de Contaminación Marina de Galicia (Camgal) en fase de alerta que, dende onte permanecían activados ante a posibilidade de producirse algunha fuga dos materiais cos que se traballaba na nave.
Por prevención, decidiuse suspender as clases ao longo da xornada de hoxe nun centro escolar próximo, o CEIP Domaio. Os bombeiros do Morrazo indicaron ao CAE 112 Galicia que o lume está controlado, quedando algún pequeno foco interior. Ademais, os datos obtidos coa unidade móbil de calidade de aire, situada en Cesantes, mostran concentracións baixas de contaminantes.