Os nenos e nenas e o profesorado que os acompaña comezaron o Camiño Portugués en Atios, tras facer unha saída simbólica en Tui. Segundo revelaron os docentes, “están todos con moita ilusión, moitas ganas e moi entusiasmados por protagonizar un reto como é facer o Camiño”.
Aínda que tras os primeiros quilómetros algúns empezaron a sentir o cansazo, están gozando moito desta experiencia. A primeira etapa levaraos ata Redondela e este mércores sairán cara Pontevedra. Farán o Camiño de Santiago Portugués en seis etapas co obxectivo de chegar á catedral compostelá o domingo pola mañá.
Os alumnos e alumnas do San José de La Guía non están sós neste reto que se marcaron para apoiar o proxecto de Taller de Solidaridad. Uns 300 patrocinadores apoian economicamente a súa iniciativa. As achegas, que recolleron entre establecementos comerciais, pequenas empresas de Teis e tamén entre as familias, oscilaron entre un máximo de 20 euros por todo o camiño e un mínimo 0,20 céntimos por quilómetro percorrido.
É a primeira vez que esta escola fai un Camiño de Santiago Solidario. Desde o centro aseguran que están moi agradecidos pola boa acollida que tivo, tanto no barrio, como nas familias e nos propios nenos e nenas. Segundo salientan, “para nós é moi importante fomentar valores como a solidariedade, o sacrificio persoal, o esforzo e o respecto polo medio ambiente e este proxecto axúntaos todos”.