Trátase dunha iniciativa conxunta que permitiu desenvolver a tecnoloxía necesaria para converter calquera embarcación nun barco autónomo robotizado, que pode navegar sen necesidade de tripulación. Cun orzamento global de 1.581.000 euros, o proxecto arrancou en 2014 e rematarase en 2017 e forma parte do Programa Estatal de Investigación, Desarrollo e Innovación Orientada a los Retos de la Sociedad. Co prototipo xa a punto, agora resta integrar nel toda a tecnoloxía para que nos vindeiros meses se faga a a botadura inaugural e, de aí en diante, facer as probas precisas para corrixir e mellorar os sistemas.
Por parte da Universidade de Vigo, están implicados neste proxecto cinco investigadores do Grupo de Deseño e Automatización de Sistemas Avanzados (DASA), liderado polo profesor Fernando Vázquez. Ricardo Samaniego é un deles e explica que “a finalidade de Ulises non é prototipar un barco, senón unha tecnoloxía que pode ser implementada en calquera embarcación, non fai falta construír unha ad hoc, pódese adaptar calquera, dende un petroleiro ata unha lancha”. É dicir, que se nun momento dado un cliente potencial quere robotizar un barco, “aplicaríamos a tecnoloxía que deseñamos, sería necesario sensorizalo e instalar un equipo a bordo, realizando unha tarefa de integración”. Esta é unha das principais vantaxes deste proxecto que está enfocado a tarefas de vixilancia, por exemplo, en campos petrolíferos, campos eólicos offshore ou para prevención de furtivismo, inmigración ilegal, etc.
Características de Ulises
Samaniego explica que o barco autónomo conta cun láser en 3D similar ao que emprega o coche de Google para recoñecer a contorna e evitar obstáculos e está integrado con cartas náuticas para ter o perfil das costa, rochas, baixíos, zonas de navegación prohibida, etc. Con toda esta tecnoloxía desenvolveron un sistema de posicionamento máis moderno que se une ao resto do equipamento como un sistema de cálculo de rutas; un sistema de seguimento; un de navegación reactiva que permite reaccionar ante obstáculos inesperados como un barco en ruta ou unha batea, etc.
O máis avanzado e innovador deste barco é, por unha banda, o sistema de cálculo de rutas e, por outra o sistema de navegación que cumpre o RIPA, regulamento internacional de prevención de abordaxes. “Trátase de algo semellante ás normas de tráfico nas estrada e regulan os adiantamentos, preferencias, os cedas, etc. e isto é o máis complicado de “ensinarlle” a un robot, son conceptos complexos porque as normas están pensadas para que as siga un ser humano”.
Culminación de máis de 10 anos de traballo
Ulises é a culminación dunha liña de investigación que o grupo DASA vén de desenvolvendo dende 2004, cando comezaron a traballar en automatización naval, tanto no eido da robótica como no posicionamento dinámico, que permite aos buques manter a súa posición no mar nun punto e nunha orientación determinada, sen depender das mareas, algo de especial importancia para petroleiros cando cargan cru nas plataformas ou para os cableiros e portaavións.
Xa en 2006 o grupo comezou a desenvolver USV, vehículos de superficie non tripulados, un barco robot coñecido tamén como dron mariño. En 2008 desenvolveron VINOCO, Vixía da nosa costa, o xermolo do proxecto actual en colaboración con Imatia, spin-off do grupo DASA. O contacto con Ferri iniciouse en 2012 e acabou desembocando en Ulises, xa que como explica Ricardo Samaniego, esta empresa “traballa moito co sector naval e quería ofrecer un barco autónomo para tarefas de vixilancia, de recolección de datos ambientais, etc”. De feito, neste proxecto Ferri encárgase da integración completa do barco, CIMNE da estación de terra e a Universidade de Vigo da robótica, control e intelixencia artificial. Nesta ocasión Imatia tamén participa no proxecto subcontratada por Ferri para desenvolver o software de rexistro de datos da embarcación.
Futura comercialización
Os investigadores explican que existen outros prototipos, sobre todo no eido militar, pero todos case todos son sistemas telecontrolados que, aínda que teñen certa autonomía, non son barcos 100% autónomos con capacidade para navegar e seguir a normativa internacional. Con todas estas características, que son as que reúne Ulises, “só coñecemos un proxecto da NASA, a Universidade de California e a Mariña norteamericana”.
No tocante á súa posible comercialización, Samaniego destaca que dende o punto de vista da autonomía total existe un problema lexislativo. “Non se pode meter un barco robot na auga, igual que non se pode facer co coche prototipo de Citroën, que precisou dun permiso especial”. Si se podería empregar nunha contorna pechada, como unha zona de exclusión naval ou un campo de plataformas petrolíferas ou tamén en casos de emerxencia militar ou de salvamento marítimo, para os que se habilitan excepcións a esta normativa. “Dous escenarios onde sería moi útil, sería a crise da piratería no Corno de África, que permitiría control e vixilancia sen poñer en risco ás persoas e a actual crise dos refuxiados para tarefas de vixilancia e salvamento, así como nun contexto de contaminación ambiental, no que as tarefas de vixilancia e control poden supor un risco para saúde dos humanos.
O proxecto foi aprobado polo Ministerio de Economía y Competitividad, en coordinación da Secretaría de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación, a Secretaría General de Ciencia, Tecnología e Innovación, a Dirección General de Innovación y Competitividad e a Subdirección General de Colaboración Público-Privada el 29 de septiembre de 2014 a través do Programa Estatal de Investigación, Desarrollo e Innovación Orientada a los Retos de la Sociedad, no marco do Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Investigación 2013-2016.