Carmela Silva asegurou que “Atlántico Express. Viaxando cos Festivais Rías Baixas” consistirá nunha viaxe en tren ata Porto desde Vigo, con saída ás 9.05 do vindeiro sábado, amenizada musicalmente por Best Boy e con degustacións de produtos gastronómicos das Rías Baixas. Xa na cidade portuguesa, terá lugar un acto de promoción, con música en directo e degustación de produto galego, ante xornalistas e turoperadores lusos para dar a coñecer o destino Rías Baixas e os Festivais que durante o verán teñen lugar na provincia de Pontevedra. A viaxe de volta desde Porto terá lugar ás 19:00 horas tamén con música en directo, neste caso de Glockenwise e Su Garrido Pombo, e degustación de produtos a bordo do tren.
Carmela Silva destacou que se trata “dun evento diferente, co obxectivo de unir dúas ribeiras do río Miño e sumar sinerxías con citas importantes de Portugal como Mihoes Fest, Amplifest e Serralves”, polo que convidou a que a cidadanía se sume á iniciativa reservando prazas en www.renfe.com.
A presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que “se trata dun fito histórico xa que, da man dos concellos, sumando sinerxías e traballando colectivamente, ó lado dos profesionais, neste caso do sector musical e a industria que se move no seu contorno, logramos poñer de acordo sete eventos de diferente entidade, con nexos en común pero con públicos diferenciados, co obxectivo común de converter ás Rías Baixas en punto de referencia nacional no campo dos festivais musicais; nunha provincia de excelencia, con vida cultural propia, orixinal e diversa e cunha imaxe innovadora, moderna, diferente e vangardista”. Neste contexto, a presidenta da Deputación engadiu que “queremos que os nosos visitantes se sintan atraídos pola nosa vitalidade e autenticidade e por iso sairemos de viaxe en tren o vindeiro sábado para presentar o noso destino ante turoperadores e xornalistas e darlles a coñecer os sete mellores festivais de música do noso país”.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou á presidenta da Deputación pola “brillante idea que converte ó transporte público, en concreto ó ferrocarril, en cultura, nunha forma de achegar territorios a través da música” e recordou que “hai trinta anos tamén aconteceu algo similar a través do ferrocarril entre Vigo e Madrid coa Movida”.
Pola súa banda, Julio Gómez – portavoz dos sete festivais da provincia de Pontevedra incluídos na iniciativa da Deputación de Pontevedra- subliñou que “España e Portugal están a ocupar un lugar moi destacado no mundo dos festivais polo que esta actuación se trata dunha oportunidade de promover os Festivais Rías Baixas da man dos principais festivais portugueses e dos Museos Serralves de Porto e MARCO de Vigo”.
“Festivais Rías Baixas” é, segundo indicou Gómez, “unha das ofertas máis completas de Galicia e pioneira a nivel nacional, ó ofertar un paquete turístico equilibrado de ocio e cultura moi vinculado ó territorio”. Gómez tamén destacou que os sete “Festivais Rías Baixas” presentan unha ampla variedade de estilos musicais para todos os públicos, mesturando, por exemplo, o universo europeo co iberoamericano e engadindo experiencias turísticas e gastronómicas, demostracións de cultura urbana e deportes de acción, así como impulsando grupos musicais emerxentes e actuacións de artistas nacionais e internacionais consagrados.
A iniciativa “Festivais Rías Baixas, sete citas que non deberás perder” está integrada polos eventos musicais Cultura Quente (24 e 25 de xuño, Caldas de Reis), Atlantic Fest (1 a 3 de xullo, A Illa de Arousa), PortAmérica (15 e 16 de xullo, Nigrán), SinSal Son Estrella Galicia (22 a 24 de xullo, Redondela), SonRías (4 a 6 de agosto, Bueu), O Marisquiño (12 a 14 de agosto, Vigo) e Revenidas (19 a 21 de agosto, Vilagarcía de Arousa.