Carmela Silva insistiu en que isto é “un feito insólito e extraordinario” e felicitou ás rapazas “con emoción e co corazón”, asegurando que “ao voso lado síntome pequeniña”, afirmou, “porque sei o enorme traballo, esforzo, compromiso e sacrificio que leva consigo ser campioas autonómicas”. Por esta razón considéraas “un exemplo e un orgullo para esta provincia” e “cinco heroínas, declárome absolutamente namorada do Celta feminino”. A presidenta, do mesmo xeito, quixo pór en valor que “cando ás rapazas, ás mozas, ás mulleres, se nos dá a oportunidade de que haxa estruturas e instrumentos que apoien o deporte feminino é evidente o que conseguimos: que sexamos campioas”.
A presidenta provincial insistiu en agradecer ao club por “apostar polas bases” e polo deporte como “fundamental para a saúde, para as relacións sociais e crear sociedades”, pero sobre todo polo seu apoio ao deporte feminino, “por apostar polas mulleres, por que poidan ter todas as garantías e todos os dereitos nun servizo básico como é o deporte”. O presidente do club, Carlos Álvarez, asegurou que “sempre loitamos polas nosas bases”, mesmo sacrificando fichaxes nas categorías superiores, e asegurou que “este ano imos facer un grande esforzo para lles dar un premio ás rapazas e intentar subir de novo á primeira división feminina”.
Álvarez, ademais, lembrou que hoxe mesmo comeza o campionato do mundo de baloncesto feminino, cuxa selección española en categoría sub-17 “conta con dúas xogadoras nosas, Raquel e Paloma”. A Presidenta lembrou que “as nosas xogadoras non son só campioas autonómicas senón que son a canteira nunha provincia que está nun extremo e na que os éxitos poden parecer un soño”.
Carmela Silva lembrou que, no Plan Estratéxico de Deporte que está a ser elaborado pola Deputación e que foi anunciado hai unhas semanas, “o deporte feminino vai ter un papel moi relevante porque se as mulleres o adoitamos ter máis difícil sempre, no deporte máis aínda”. En canto ao club, sinalou que “son un exemplo deses cidadáns e cidadás que vale a mágoa que existan” e, sobre as campioas, afirmou estar “segura de que chegarán a grandes metas no baloncesto a nivel nacional”.