Os datos que manexa a Deputación de Pontevedra aseguran que “a ocupación nas Rías Baixas durante este verán será 10 puntos por riba da media galega e superará ata nun 5% os resultados do ano anterior”, segundo informou a presidenta. Carmela Silva tamén recordou que “esta tendencia alcista xa se podía visualizar cos resultados do INE, correspondentes os primeiros cinco meses do ano, que sinalan un incremento do 9,6% nas pernoctacións en establecementos hoteleiros das Rías Baixas, tres puntos por riba dos resultados de Galicia”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra facilitou a previsión de ocupación hoteleira que Turismo Rías Baixas estima para as comarcas destacando que no Salnés a media para o verán sitúase no 77,5% aínda que concellos como Sanxenxo terán unha ocupación por riba do 80% ou Cambados acadando o 100% en datas concretas como a fin de semana do Albariño.
A comarca de Pontevedra, segundo Turismo Rías Baixas, terá unha ocupación media durante o verán do 70%. Neste caso, a presidenta subliñou que “os eventos deportivos, como o Campionato de Europa de Piragüismo supuxeron que os establecementos hoteleiros estivesen ó 100% no primeiro fin de semana de xullo”.
No caso da comarca do Morrazo, o organismo da Deputación de Pontevedra estima unha ocupación media do 100% e en Caldas do 50%. Pola súa banda, prevese que a comarca de Vigo teña unha ocupación do 80%. Ó respecto, Silva subliñou que “o ano 2015, ano record para a cidade olívica, rexistrou 607.000 noites de hotel en Vigo o que lle valeu para ser catalogada como municipio turístico incrementando ata un 20% con respecto ó ano anterior o número de visitantes”.
Pola súa banda, estímase unha ocupación media para o verán no Baixo Miño do 91%, no Condado/A Paradanta do 75% e en Deza e Terra de Montes do 77,5%.
No que respecta ó turismo rural, a presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que Turismo Rías Baixas manexa datos que sinalan que “a ocupación dos establecementos de turismo rural se situará no 66%” e informou que o propio Presidente da Federación Galega de Turismo Rural sinala que espera un 15% máis de reservas que no ano 2015.
Silva tamén subliñou que se agarda un maior número de visitantes, en concreto, “un 21,2% máis en Deza e Tabeirós, un 12% máis en Vigo, Baixo Miño e o sur da provincia, un 11% máis no Salnés e un 4% máis en Pontevedra”. Amais, Silva recordou que, segundo os datos do INE, “nos primeiros cinco meses do ano as Rías Baixas recibiron un 8% máis de visitantes que no 2015, un total de 240.000, a meirande parte procedentes de Galicia (37%), Madrid (14%), Castela e León (8%), Cataluña (7%) e Asturias (5%) sendo, o 15% turistas estranxeiros”.
No correspondente á incidencia do emprego no sector turístico, Carmela Silva deu a coñecer que “grazas á liña 4 do Plan Concellos, xa distribuída ó 100%, 11 persoas están a traballar en 6 concellos da provincia (Redondela, Salvaterra, Cambados, Lalín, Meaño e Poio) para atender ós turistas que visiten as Rías Baixas”. Amais, dende o 1 de xuño, 20 persoas graduadas en turismo e co ciclo superior en animación sociocultural e turística están a realizar a súa primeira experiencia profesional, no marco do Plan de Práctica Laboral da institución provincial, en Baiona, Bueu, As Neves, Redondela, Vilaboa, A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Mos, Nigrán, A Guarda, Tui, O Grove, Mondariz e Cerdedo. Pola súa banda, 14 persoas recibiron unha bolsa de Turismo Rías Baixas para graduadas en turismo ou co ciclo formativo en turismo e, dende o 15 de xuño e durante toda a temporada de verán, están a atender as oficinas de turismo de Cangas, Sanxenxo, Silleda, Moaña, Vilagarcía, Marín, A Illa, Nigrán, Ribadumia, Soutomaior, Meis, Vilanova e O Grove.
A presidenta da Deputación subliñou que “durante estes meses lideramos numerosas actuacións para captar un maior número de turistas, que xa estamos a ver polos bos resultados que están a acadar as nosas oficinas de turismo, que agardan pechar a temporada cun incremento de 13 puntos no número de visitantes”. Neste contexto, Silva recordou as actuacións que desde Turismo Rías Baixas se están a levar a cabo para potenciar e fomentar o turismo na provincia de Pontevedra: “Comezamos en Fitur, coa presentación da ruta arquitectónica para descubrir as Rías Baixas; continuamos no Espazo Atlántico de Pepe Solla en Madrid para dar a coñecer as “62 razóns para visitar Rías Baixas”; seguimos no Festival de Cinema de Málaga, onde se proxectou a primeira longametraxe documental sobre a gastronomía galega “Cociñando no fin do mundo”, patrocinada pola Deputación de Pontevedra; e levamos os sete festivais musicais das Rías Baixas ata Oporto, con grande acollida na prensa portuguesa, autónomica e nacional así como en redes sociais”.
Amais, e tal e como destacou Carmela Silva, “estamos a realizar accións promocionais en Renfe, en revistas a bordo de compañías áereas que operan desde Vigo, en mupis instalados nas rúas das principais ciudades de España, no programa A3Musica de A3Media que está distribuíndo a nivel estatal e en Iberoamérica un spot promocional do destino Rías Baixas, impulsando o streaming do Marisquiño, organizando press trip con xornalistas, en concreto cun grupo de xaponeses que visitarán o festival SinSal, promovendo as festas de interese turístico, colaborando coa adega Terras Gauda na promoción realizada co club de viños do Corte Inglés e realizando campañas publicitarias en revistas e webs especializadas como Conde Nast, National Geographic, Hola Viaxes, minube ou rumbo”.
Tamén subliñou o importante papel que están desempeñando as redes sociais para divulgar as Rías Baixas, destacando datos como as 362.318 persoas que viron en Facebook o vídeo dos festivais Rías Baixas ou o papel que están a realizar os artistas que participan nos festivais. Así, Silva puxo como exemplo a “José González, con máis de 23.000 fans, que falou en Twitter da súa estancia nas Rías Baixas e colgou en Instagram fotografías do noso destino, contribuíndo de xeito totalmente desinteresado a promover Rías Baixas ante milleiros de persoas”. Neste contexto, a Presidenta da Deputación adiantou que “estamos a valorar a posibilidade de realizar algún tipo de actuación ó finalizar os festivais con estes artistas e influencers”.
Estas actuacións, segundo Carmela Silva, “son fundamentais para intentar que o turismo, un dos motores económicos na nosa comunidade, que representa o 11% do PIB galego e máis de 100.000 postos de traballo, sega a ser un sector líder que contribúa ó desenvolvemento económico da provincia de Pontevedra”.