«O cadro de persoal de Xerais, profundamente entristecido, quere expresar a súas condolencias pola desparición dunha das figuras máis salientables da cultura galega de hoxe, alguén que, co seu labor, estivo intimamente vencellado á traxectoria da editorial», sinalaron desde a editorial viguesa.
Nacido Vilalba en 1947, Agustín Fernández Paz foi unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea. Publicou entre outras obras «Contos por palabras» (Xerais, 1991), Premio Lazarillo 1990, Lista de Honra do IBBY 1992; «Rapazas» (Xerais, 1993); «Trece anos de Branca» (1994), Premio Edebé de literatura xuvenil 1994; «Cartas de inverno» (Xerais, 1995), Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil; «Amor dos quince anos, Marilyn» (Xerais, 1995), relatos; «O centro do labirinto» (Xerais, 1997), novela; «Aire negro» (Xerais, 2000), Lista de Honra do IBBY 2002, Lista The White Ravens 2004 e Premio Protagonista Jove 2001; «Noite de voraces sombras» (Xerais, 2002); «Tres pasos polo misterio» (Xerais, 2004); «Corredores de sombra» (Xerias, 2006), Premio Frei Martiño Sarmiento; «O único que queda é o amor» (Xerais, 2007), Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil, Premio Neira Vilas da AGE, Premio da AELG, Premio Frei Martiño Sarmiento; «Lúa do Senega»l (Xerais, 2009), novela, Premio da AELG; «Non hai noite tan longa» (Xerais, 2011), «Fantasmas de luz» (Xerais, 2011), «A viaxe de Gagari»n (Xerais, 2014) e «A neve interminable» (Xerais, 2015). Reuniu textos memorialísticos no libro «O rastro que deixamos» (Xerais, 2012).
A maior parte da súa obra está traducida a todas as linguas ibéricas, coreano, árabe, francés, chinés, búlgaro, bretón, italiano e inglés. Entre outros recoñecementos á súa traxectoria, recibiu o Premio Irmandade do Libro (2003); o Premio Xosé María Álvarez Blázquez (2008), a Letra E (2009) da AELG; e en 2011 recibiu o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Foi o candidato da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award; en 2011 foi escollido pola OEPLI como o candidato español ao Premio Andersen 2012 e en 2015 a AELG propúxoo como candidato ao Premio Nobel de Literatura.
«Desde o proxecto pedagóxico de Xerais –ligado aos libros de texto e á asesoría didáctica– pasando polo seu asesoramento literario e á dirección e coordinación da colección Merlín –que constituíu un dos piares do florecemento da literatura infantil e xuvenil en Galicia–, ata o seu incansable e recoñecido labor como escritor, que lle valeu numerosos recoñecementos en Galicia e no mundo, o papel que xogou Agustín Fernández Paz no crecemento estratéxico da editorial foi fundamental non só para Xerais senón para toda a cultura galega», engade Xerais.
«Con Agustín Fernández Paz, Galicia perde non só un escritor excepcional e popular senón un referente ético de primeira magnitude. O prestixio dos seus libros, constantemente reeditados e traducidos a moitas linguas, deu a coñecer en diversos países do mundo o valor da literatura infantil e xuvenil galega», afirma a editorial.
Tamén a Xunta de Persoal Docente de Pontevedra manifestou publicamente o seu agradecemento a Agustín Fernández Paz pola súa vida e a súa obra. «Unha vida de compromiso coas causas que fan mellor a sociedade. Agustín Fernández Paz déixanos unha obra de importancia extraordinaria pola súa amplitude, máis de 50 obras publicadas, pola súa extraordinaria calidade literaria, recoñecida na Galiza e internacionalmente, e polo seu valor na defensa do ser humano», explican.
A Xunta de Persoal destaca «un compromiso pleno co ensino público, como mestre, profesor, asesor da Consellaría de Educación e Coordinador Docente Galego». Tamén engaden o seu «compromiso leal coa lingua de noso que enriqueceu en decenas de libros. Agustín é para nós unha honra compartir contigo a profesión docente. Grazas!».