Carmela Silva manifestou a importancia das novas tecnoloxías “para promover o turismo, dando a coñecer todas as nosas potencialidades, captar a atención das usuarios e usuarios e contribuír a que as e os turistas, dende as súas casas, poidan planificar a viaxe ó destino Rías Baixas”. Neste contexto, a presidenta destacou que “a antiga plataforma web era inútil para a promoción turística, con información de difícil acceso e disuasoria xa que as usuarias e usuarios entraban unha vez e non regresaban máis”. Por tal motivo, a nova páxina web – en palabras de Silva – “adaptada ós tempos, é moito máis atractiva, de fácil manexo, útil e eliminou os problemas técnicos que existían, co obxectivo de invitar ás e ós turistas a que coñezan o noso destino e facilitar a xestión e planificación da súa viaxe”.
A nova páxina web, en consonancia coa tendencia actual dos destinos intelixentes, proporciona ás e ós turistas unha experiencia diferente que, amais, poderán confeccionar segundo os seus gustos e necesidades. En concreto, a plataforma de forma automatizada ofrecerá á e ó visitante experiencias únicas acorde á estación do ano e permitirá introducir a forma na que a e o turista desexa viaxar, ben sexa sen compañía ou en parella, en grupo ou con nenas e nenos, en primavera ou verán, etc.
Ademais, nesta renovada web os concellos, como pezas fundamentais que son dentro da estratexia turística que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo, terán maior protagonismo e espazo propio para a promoción dos seus recursos turísticos. Tamén ocuparán un lugar en portada os atractivos culturais, gastronómicos e deportivos da provincia, así como as novas e a axenda de eventos.
Entre as moitas modificacións técnicas introducidas, destacan a simplificación da navegación e usabilidade para facela máis cómoda para a e o turista; a eliminación das votacións ou opinións, xa dispoñibles noutros portais; a posta en marcha de contidos accesibles e en menos clicks e o redeseño da web, acorde ás últimas tendencias e estándares creativos, potenciando a experiencia do usuario e unha interfaz limpa e clara.
A plataforma, operativa a partir da próxima semana, estará dispoñible en español, galego e inglés e adaptada a múltiples dispositivos (ordenador, tablets e móviles).