Tanto o deputado de Cultura, Xosé Leal, como do director do Museo, Carlos Valle, cualificaron de “incorporación excepcional” este legado, que foi cedido testamentariamente polo doutor Jean-Claude Vinourd (1933-2015). Este afamado cirurxián francés, parisiense con raíces familiares no Limousin, formouse nos hospitais da prestixiosa ‘Asistencia Pública de París’, da que foi Xefe de Clínica-Profesor Adxunto. Asentouse finalmente en Rouen (Normandía), onde comezou a interesarse pola arte Románica, estilo no que, a pesar de non ser historiador profesional, foi un gran especialista, recoñecido e valorado como tal polos maiores expertos.
Jean-Claude Vinourd comezou a relacionarse con Galicia, pola que peregrinou fotografando os seus monumentos románicos, nos anos setenta do pasado século. A partir da década seguinte as súas visitas pasaron a ser máis frecuentes debido á estreita relación persoal que tiña cos responsables do Museo de Pontevedra, e incluso pasou a ser colaborador tamén das Rutas Cicloturísticas do Románico.
Compoñen o legado arredor de 15.000 diapositivas de gran formato, así como centenares de negativos e fotografías en branco e negro de monumentos románicos de toda Europa, singularmente de Francia e o norte da Península Ibérica. O conxunto é valioso en si mesmo pola súa entidade e tamén pola calidade dos materiais que o compoñen. Moitas fotografías, ademais, documentan monumentos, aspectos ou detalles hoxe modificados ou mesmo xa inexistentes.
A segunda parte do legado está formada por un nutrido bloque de monografías e revistas científicas especializadas na arte da Idade Media en xeral e do Románico en particular.
Coa recepción de todos estes materiais o Museo de Pontevedra, posuidor xa dunha biblioteca e uns arquivos moi valiosos, reforza a súa significación como un centro de imprescindible referencia para a investigación en xeral, e para a do Patrimonio histórico-artístico galego en concreto.
A Deputación de Pontevedra, da man do seu deputado de Cultura, Xosé Leal, e da dirección do Museo de Pontevedra, quere agradecer publicamente a “extraordinaria colaboración” que recibiu dos familiares do doutor Jean-Claude Vinourd para a materialización do legado testamentario e, moi especialmente, da súa viúva, Anne-Marie Montaigne-Vinourd.