Ao certame poderán presentarse obras inéditas, non levadas a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos. O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e como presidente actuará o titular do Centro Pen de Galicia, Luís G. Tosar. A súa decisión farase pública a través dos medios de comunicación no último trimestre de 2016. O texto gañador recibirá un único premio de 6000 euros e será publicado, ademais, na colección «Arte de Trobar», editada polo Centro Pen de Galicia e a fundación galega.
A historia do premio
O galardón comezou a súa andaina no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos coma Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela e Miguel Anxo Fernán Vello, gañador da anterior convocatoria.
A presente edición, a décimo cuarta, conta co apoio e a participación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro Pen de Galicia, tras trece anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.