O novo obradoiro da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño está dirixido a todos os visitantes e ten como obxectivo poñer en valor o oficio da olería tradicional. Así, dentro do programa de actividades encamiñadas a divulgar a importancia do sector pesqueiro na zona, a mellorar a concienciación ambiental e a fomentar o consumo responsable dos produtos do mar, a artesanía galega tamén ten en Nigrán un espazo de divulgación e promoción da olería, un dos oficios tradicionais que hoxe está a abrirse un oco entre os cociñeiros galegos máis innovadores.
Os participantes no obradoiro de torno cerámico deste municipio pontevedrés teñen a oportunidade de coñecer as técnicas básicas de torneado e modelado a través dos ceramistas Susana González e Antón Román.