“Exodus” permite ver o traballo fotográfico realizado polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago, que percorreron os Balcáns e a illa grega de Lesbos entre setembro e outubro de 2015 para denunciar o que lle está pasando a aquelas persoas que foxen dos seus países por mor da guerra. Así, as súas fotografías pretenden facernos reflexionar sobre o que están vivindo milleiros de persoas, adultas e menores, nas portas da Unión Europea. Segundo os autores, trátase de persoas normais coma nós, que de repente un día vén truncadas as súas vidas normais polas consecuencias de guerras nas que non teñen nada que ver.
Despois dun amplo percorrido por distintos municipios da provincia, a Deputación de Pontevedra convida a todos os concellos a seguir acollendo esta mostra itinerante, que pretende sensibilizarnos co sufrimento dos refuxiados e refuxiadas, así como buscar máis solidariedade entre todos e todas ante un drama que non debe caer no esquecemento.